O Grupo Municipal do BNG en Marín rexeita a negativa do goberno local a retirar nomes de rúas marinenses vinculados ao franquismo, despois de que os representantes do PP rexeitanse no pleno municipal do 13 de marzo unha moción presentada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH).
A moción solicitaba a recuperación dos nomes históricos de tres vías que, segundo consta nas actas oficiais do Concello, foron renomeadas explicitamente como homenaxe aos participantes no golpe de Estado de 1936 e ao réxime franquista.
Entre estas vías atópase a rúa Tiro Naval Janer, nomeada oficialmente en febreiro de 1937 como recoñecemento á súa participación no "Glorioso Movimiento Nacional", para a que se propón recuperar a denominación popular de Rúa do Baño.
Tamén se inclúen a Avenida del Ejército y de la Marina, imposta en decembro de 1936 en substitución da Avenida de Pablo Iglesias Posse (aprobada en 1926 por iniciativa das sociedades obreiras), e o Canellón Alcántara, denominado así en xullo de 1936 en honra ao concelleiro José Alcántara, designado alcalde polos militares tras o golpe.
"O que está en xogo non é unha cuestión de opinión, senón de cumprimento da lei e de dignidade democrática", afirma o concelleiro nacionalista Tino Iglesias, quen engadiu que "o mantemento destes nomes non é neutra senón que perpetúa no rueiro público recoñecementos outorgados pola súa participación no golpe de Estado e na ditadura".
Fronte aos argumentos do PP, que sostén que estas rúas "non teñen connotacións franquistas", o BNG subliña que as actas municipais demostran sen lugar a dúbidas a súa vinculación directa co réxime ditatorial, o que supón unha vulneración da Lei 20/2022 de Memoria Democrática.
Ante esta situación, a formación nacionalista insta o goberno local á anulación formal dos acordos plenarios que outorgaron esas denominacións e á apertura dun novo procedemento administrativo de nomeamento conforme aos principios da memoria democrática e o respecto institucional.