Denuncian que viaxeiros de Pontevedra e Vilagarcía quedaron sen tren este luns por falta de prazas

Pontevedra
05 de setembro 2022

O sindicato CGT denuncia que resultaron afectados, os trens con saída de Vigo 09072 (6:40), 09082 (8:00), 12526 (9:13) e 09112 (11:00), que circularon completos impedindo que viaxeiros destas tres localidades puideran coller o tren. Algúns tiveron que pagar o prezo do billete para poder viaxar ata Santiago no Alvia Urzaiz-Madrid das 9:20

Estación de tren de Pontevedra
Estación de tren de Pontevedra / Mónica Patxot

O sindicato CGT denuncia que durante a mañá deste luns 5 de setembro, unha xornada na que se prevía un aumento na cantidade de viaxeiros que usan a liña de tren entre Vigo e A Coruña, a empresa Renfe non reforzou os servizos e moitos viaxeiros das estacións de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía quedaron en terra sen praza. 

En concreto, resultaron afectados, os trens con saída de Vigo 09072 (6:40), 09082 (8:00), 12526 (9:13) e 09112 (11:00), que circularon completos impedindo que viaxeiros destas tres localidades puideran coller o tren. 

Segundo a información deste sindicato, algúns tiveron que pagar o prezo do billete para poder viaxar ata Santiago no Alvia Urzaiz-Madrid das 9:20, aínda que tiñan bono recorrente, xa que este tren de longa distancia non permite a formalización de estes tipo de billetes de balde.

"Incomprensiblemente Renfe non programou ningún tren da mañá en dobre composición, a pesar de que hoxe, día 5 se agardaba una afluencia importante de persoas que ían a utilizar o ferrocarril", cuestiona o sindicato, que explica que os trens circularon con capacidade normal, "sen reforzar con outra composición e así circular ofertando o dobre de prazas".

O problema centrouse no corredor atlántico sentido Vigo-Compostela, xa que a relación Coruña-Santiago, principal fluxo de viaxeiros no sentido Coruña-Vigo, ten moitas mais circulacións..

Na actualidade, entre as 5:00 e as 15:00 horas, hai 15 trens de Media Distancia entre a Coruña e Santiago, pero tan só 10 trens entre Vigo-Pontevedra e Santiago. Esta situación fai que, tal e como sinala CGT, o servizo en Pontevedra se atope en "en clara desvantaxe" fronte o de Coruña, no corredor atlántico.

Dende CGT reclaman a Renfe e o Ministerio de Transportes que reforce os trens de maior afluencia de viaxeiros e repoña os suprimidos pola pandemia