Denuncian que un lombo supón unha "agresión" ao carballo de Santa Margarida

Pontevedra
24 de xaneiro 2017

AnovaTerra critica que o Ministerio de Cultura acusou recibo da denuncia que lle presentaron en novembro, pero négase a tramitala baseándose en que está escrita en galego, esixindo a súa presentación en castelán. Consideran que supón unha vulneración dos dereitos lingüísticos

Carballo de Santa Margarida
Carballo de Santa Margarida / Cristina Saiz

O colectivo AnovaTerra volveu denunciar a situación na que se atopa o carballo de Santa Margarida de Mourente e a reclamar máis atención para o seu coidado e preservación, pero, ademais, agora denuncia a forma de proceder do Concello de Pontevedra ao non poñer en marcha medidas de protección. Entre outras cuestións, denuncian a presenza dun 'lombo' na estrada pegada á árbore, pois "provoca que os camións pesados rocen coas ramas" e supón una "agresión". 

Estas críticas chegan dous meses despois de que denunciaron o estado de abandono e agresión do carballo ante diversas administracións, entre elas, o Concello de Pontevedra. Critica que nin contestou á súa solicitude de acceso ao expediente e o proxecto anunciado para a árbore nin adoptou ningunha medida urxente de protección como debería ser a prohibición da utilización como aparcadoiro.

AnovaTerra enviou escritos tamén á Consellería de Medio Ambiente, ao Ministerio de Cultura, á Axencia Europea de Medio Ambiente e á Valedora do Pobo e tan só esta última respondeu. Segundo explicaron, admitiu a tramite a queixa en novembro e este mes de xaneiro informoulles da falta de resposta do Concello de Pontevedra e da Conselleria de Medio Ambiente.

No caso do Ministerio de Cultura acusou recibo da denuncia, pero AnovaTerra denuncia que se negan a tramitala baseándose en que está escrita en galego, esixindo a súa presentación en castelán. Na opinión do colectivo ecoloxista, isto supón unha vulneración dos dereitos lingüísticos. 

O colectivo insiste na denuncia do abandono do carballo centenario e da falta de medidas concretas e anuncia que a súa seguinte liña de actuación será acudir ás diferentes entidades que concederon premios ao Concello de Pontevedra nos últimos tempos polo seu modelo urbano "para que valoren os feitos de cara a reconsideración dos premios concedidos".