Denuncian que Marín estará dous días sen pediatra e outras dúas semanas cun só e 20 días de espera

Marín
31 de maio 2024
Actualizado: 13:31

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo denuncian unha situación que ven de "extrema gravidade" no servizo de pediatría de Marín. O xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, manifestou que "o día de onte e de hoxe non é certo que non houbese pediatras"

Reivindicacións sanitarias en Marín este mércores 30
Reivindicacións sanitarias en Marín este mércores 30 / Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e Marín

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo denuncian unha situación que ven de "extrema gravidade" no servizo de pediatría de Marín . Durante as xornadas deste xoves e este venres, non haberá médico, ata o 17 de xuño só haberá un profesional e os pacientes teñen listas de agarda de máis 20 días para lograr unha cita. 

Ademais da situación "peor" de estar dous días enteiros sen ningún pediatra, 30 e 31 de maio, queren denunciar que deberían ter catro para 3.000 menores e, entre o 28 de maio e o 17 de xuño só terá un. 

 Durante a xornada deste xoves 30, houbo familias que solicitaron cita e déronlla para os días 18 ou 19 de xuño, o que supón máis de 20 días de espera, "pola acumulación dos atrasos previos debido á falta deste persoal". 

Desde a plataforma denuncian que "a situación non é nova" e que se chega ata aquí porque durante os últimos meses a xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés estivo enviando un pediatra de reforzo un día á semana, en horario de tarde, para cubrir as pediatras que faltan e facer as revisións que corresponden por idade, pero no mes de xuño non haberá este reforzo.

Como consecuencia, "non vai haber ninguén" que faga esas revisións de idade, "como se a saúde das nosas nenas e nenos puidera xogar á ruleta rusa".

Esta plataforma lembra que hai tres meses defenderon unha moción no Pleno da Corporación de Marín denunciando esta situación, pedindo apoio ás reivindicacións veciñais e xestións coa Xunta. Segundo insiste esta plataforma, a alcaldesa, María Ramallo, e o seu grupo, o PP, "votaron en contra dicindo que a sanidade non está tan mal para así non presionar dende o concello".

Na súa opinión, a alcaldesa "preocúpase máis pola saúde do seu partido en vez de preocuparse pola saúde da xente de Marín".

RESPOSTA DO XERENTE

O xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, saíu ao paso das declaracións desta Plataforma con respecto á atención pediátrica no centro de Saúde de Marín e lembrou que "temos catro prazas de catro pediatras, dúas delas ocupadas e as outras dúas si que o estaban pero movéronse de forma voluntaria nun concurso de traslados que tivo o lugar hai pouco tempo". 

José Flores insistiu en que "estamos a tratar de cubrir todas as prazas" xa que "temos ata dez prazas vacantes agora mesmo na Área Sanitaria" e que "xa se ofertaron as interinidades, contratos interinos de longa duración, todos, quero que quede claro, varias veces". 

A pesar diso, "seguimos sin tener la posibilidad de esa cobertura", lamentou José Flores.

O xerente da área Sanitaria tamén manifestou que "o día de onte e de hoxe non é certo que non houbese pediatras" aínda que "si que é verdade que as dúas pediatras que están no centro por motivos diferentes tiveron que ausentarse pero cubrimos onte cun pediatra e hoxe con outro pediatra".

Ademais anunciou que "a partir do luns incorporarase xa unha nova pediatra a ese terceiro cupo" por tanto haberá tres profesionais traballando.

José Flores engadiu que "aínda van manter as ausencias as dúas pediatras que xa estaban, polo cal, ao longo da semana que vén iremos incorporando ata tres, e pensamos que o longo do mes de xullo poderemos ter, polos contratos que xa temos feitos, ata os catro cupos cubertos".

"Non temos pediatras suficientes para cubrir todas as prazas, insisto, e non é a situación ideal", reiterou o xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés respecto deste problema que afecta a toda España. Pero aclara José Flores que "os nenos teñen atención por parte dos pediatras do propio centro en prolongacións de xornada, ou ben mesmo doutros centros ou doutros pediatras que traballan tamén na nosa área, mesmo en áreas limítrofes".