Denuncian que intentaron queimar o coche do alcalde de Vilanova

O Salnés
07 de xaneiro 2023

Debaixo do coche apareceron unhas pastillas e, á beira, unha garrafa con gasolina. O vehículo estaba aparcado na rúa na zona de Corbillón, en Cambados, e o suposto responsable deste intento de incendio prendeu as pastillas, pero, antes de que prendesen, unha patrulla da Garda Civil viu que saía lume e evitou o incendio

Patrulla da Garda Civil de Pontevedra
Patrulla da Garda Civil de Pontevedra / Mónica Patxot

A Garda Civil investiga un incidente rexistrado na madrugada do xoves ao venres ao vehículo do alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán. Segundo distintas fontes consultadas, un individuo que aínda non foi localizado tentou queimar o coche e o afectado xa formulou denuncia polo ocorrido. 

Así, desde a contorna do alcalde explican que debaixo do coche apareceron unhas pastillas para prender lume e, á beira, unha garrafa de agua con gasolina dentro

O vehículo estaba aparcado no exterior dun taller de coches na zona de Corbillón, en Cambados, e o suposto responsable deste intento de incendio prendeu as pastillas, pero, antes de que prendesen no coche, unha patrulla da Garda Civil que se atopaba pola zona viu que saía lume de debaixo do coche e actuou para evitar o incendio. 

Desta forma, tal e como indican persoas próximas ao alcalde, a actuación desta patrulla da Garda Civil evitou o incendio, pois, de non aparecer, o lume das pastillas alcanzarían o vehículo. 

Tras prender lume nas pastillas, o responsable fuxiu do lugar

O alcalde formalizou denuncia ante a Garda Civil de Cambados, que agora investigará o ocorrido. Fontes oficiais da Garda Civil confirmaron que están a investigar un simulacro de intento de incendio nun vehículo en Corbillón, aínda que non identifican á vítima. 

O alcalde de Vilanova sufriu outro ataque hai pouco menos de ano e medio. En setembro de 2021, lanzaron un artefacto incendiario no interior da súa vivenda.