A directiva da Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa denuncia o estado no que se atopan as instalacións do Lago de Castiñeiras. Este colectivo sinala que non se actuou na zona a pesar de reclamar en varias ocasións á consellería de Medio Ambiente, que se cumprise o convenio asinado coa comunidade de montes en maio para que a Xunta executase traballos de limpeza e conservación do terreo.
Sinalan que se incumpriu o acordo no que se pide a reparación das balaustradas no perímetro que se atopan danadas. Desde San Martiño de Vilaboa apuntan que este mobiliario converteuse nun perigo ao atoparse rota a madeira con partes cortantes e puntas metálicas oxidadas.
Tampouco se repararon os baños públicos nin se podaron as árbores. Neste sentido, reclaman tamén a limpeza da "Mamoa do Rei", que se atopa entre as matogueiras a pesar de ser un dos elementos rupestres máis importantes da comarca.
Tamén piden a sinalización da zona do lago e a reparación das casetas de madeira que albergan os colectores de lixo. Ademais, aseguran que é necesaria a urxente reparación das fugas de auga do muro de contención do propio lago.
A comunidade de montes afirma que o único punto que cumpriu a Xunta dos asinados no convenio foi acometer a poda dos bidueiros danados e secos que se atopaban nesta paraxe natural e que supoñían un perigo para os visitantes do parque.