Denuncian por "ofensa" á relixión un grupo de Entroido en que uns lexionarios portaban a Ravachol crucificado

Pontevedra
22 de febreiro 2016
Actualizado: 17:15

Os integrantes de 'Vamos a todo!' parodiaban a procesión da Semana Santa de Málaga na que lexionarios do Terzo I da Lexión desfilan trasladando ao Cristo da Boa Morte. O mozo denunciante non presenciou o desfile, senón que lle pasaron nun vídeo e relatou na Comisaría que entende que é unha "ofensa contra los sentimientos de una confesión religiosa"

Comparsa 'Vamos a Todo' durante o desfile de Entroido
Comparsa 'Vamos a Todo' durante o desfile de Entroido

Un mozo pontevedrés denunciou por "ofensiva" a un dos grupos que participou no desfile de Entroido de Pontevedra ao entender que a súa representación é unha "ofensa contra los sentimientos de una confesión religiosa", en alusión á relixión católica.

Os integrantes do grupo ían vestidos de militares da Lexión e 'portaban' ao loro Ravachol crucificado, nunha parodia da procesión da Semana Santa de Málaga na que lexionarios do Terzo I da Lexión desfilan trasladando ao Cristo da Boa Morte. Levaron o segundo premio na categoría de grupos.

El grupo en cuestión, que resultou ser o pregoeiro do Entroido deste ano 2016, 'Vamos a todo!', decidiu non facer declaracións en relación coa denuncia, pois "no tenemos absolutamente nada que decir". O denunciante está vencellado coa parroquia de San José de Campolongo e moitos dos denunciados tamén.

A denuncia presentouse na Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra xa na tarde noite do sábado 20 de febreiro, o mesmo día do desfile de Entroido. O denunciante, un mozo de 25 anos veciño do centro de Pontevedra, relatou que non viu directamente o grupo no desfile, senón a través dun vídeo. 

Segundo consta na denuncia, uns amigos pasáronlle un vídeo no que varias persoas vestidas de lexionarios desfilaban co loro Ravachol na cruz. Ao velo, entendeu que "se burlan del desfile del Cristo de la Buena Muerte que realizan los legionarios españoles".

A denuncia aínda non foi trasladada ao Xulgado de Garda, senón que está a ser investigada na Comisaría. O seguinte paso será xudicializala por uns feitos que, aténdose á lei, poderían chegar a supoñer un delito contra a liberdade relixiosa.

A representación de 'Vamos a todo!' hai que contextualizala nun desfile de Entroido e, como tal, incluía unha canción que os integrantes do grupo pedían ao público que repetise. Entre outras fraes, cantaban "Soy un loro, a quien la muerteee, le llegó en los carnavalesss, Ravachol, Ravacholete... Soy el loro de la muerte, y la cruz fue mi... sentencia¡¡¡¡¡".

Arquivado en