Denuncian oito persoas que facían botellón na rúa Tablada incumprindo as medidas anti covid-19

Pontevedra
01 de febreiro 2021

A Policía Local de Pontevedra formulou entre o luns 26 e o domingo 31 un total de 16 denuncias por incumprimento das restricións  anti covid-19, cinco delas polo uso inadecuado da máscara e tres a persoas que se desprazaron a Pontevedra desde Poio e Marín sen respectar o peche perimetral

Control da Policía Local de Pontevedra
Control da Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

Oito persoas non conviventes xuntas e facendo botellón na rúa. A situación atopouna a pasada fin de semana a Policía Local de Pontevedra na rúa Tablada e acabou en denuncia, pois supón un incumprimento das normas aprobadas pola Xunta de Galicia para tentar frear a expansión da covid-19 nesta terceira onda da pandemia. 

A Policía Local tivo coñecemento de que se estaba celebrando o botellón na contorna da rúa Tablada e, ao chegar ao momento indicado, os axentes comprobaron que era certo, de modo que procederon a denunciar a todos os participantes, oito en total, por realizar unha reunión de non conviventes, situación prohibida nestes momentos en toda Galicia. 

Estas oito denuncias súmanse a outras oito formuladas durante a última semana pola Policía Local de Pontevedra por incumprimento das restricións anti covid-19. Entre o luns 26 e o domingo 31 de xaneiro, formuláronse un total de 16, das que cinco foron polo uso de máscara. 

Tres denuncias realizáronse entre o luns e o xoves por non usar a máscara protectora segundo as normas establecidas. As outras 13 foron por incumprimentos entre o venres e o domingo. 

En concreto, durante a fin de semana houbo esas oito denuncias por reunión de persoas non conviventes para facer botellón, outras dúas por non usar máscara de forma adecuada e tres a persoas que se desprazaron a Pontevedra sen respectar o peche perimetral que impide os desprazamentos entre municipios excepto por causa xustificada. Dúas persoas eran de Poio e unha de Marín. 

A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, deu conta destes datos este luns e indicou tamén que nestes momentos a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo está realizado recollidas porta a porta nos seus domicilios a un total de 26 persoas que están en corentena por covid-19.