Denuncian o pintado coa bandeira de España dun dos bancos LGTBI do Paseo da Calzada

Ponte Caldelas
01 de xuño 2024

"O simpático que o pintou igual non sabe que se enfrenta a unha sanción por delito de odio e que se pode enfrentar a unha pena de entre 1 e 4 anos de prisión", afirma o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz

Banco LGTBI do Paseo da Calzada pintado coas cores da bandeira de España
Banco LGTBI do Paseo da Calzada pintado coas cores da bandeira de España

Un dos dous bancos decorados coa bandeira LGTBIQ+ no Paseo da Calzada de Ponte Caldelas foi bandalizado, segundo denuncia o Concello.

En concreto foi pintado coa bandeira de España, tapando parte das cores do símbolo de diversidade sexual.

"En Ponte Caldelas somos galegos, españois e, ante todo, respectuosos con todas as persoas", asegura con pesar o alcalde, Andrés Díaz, afirmando que "como pobo defendemos o amor libre".

Díaz quixo ademais dirixirse ao autor da bandalización indicando que "o simpático que o pintou igual non sabe que se enfrenta a unha sanción por delito de odio e que se pode enfrentar a unha pena de entre 1 e 4 anos de prisión".

O caso, avanza o alcalde, xa foi posto en mans das autoridades para tentar dar co responsable.