Denuncian o estado ruinoso da recreación do poboado da Idade do Bronce no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre

Umia
01 de maio 2021

O grupo municipal PorVir presentou unha denuncia ante o Concello de Campo Lameiro e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural despois de que un veciño alertara da situación de abandono que presenta este elemento en que se investiron 32.700 euros para a súa reparación

Denuncian o estado de abandono do poboado da Idade do Bronce do PAAR
Denuncian o estado de abandono do poboado da Idade do Bronce do PAAR

Un veciño alertaba ao grupo municipal PorVir do Concello de Campo Lameiro sobre o estado de abandono no que se atopa a recreación do poboado da Idade do Bronce, situado no recinto do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre (PAAR) do municipio.

Desde esta agrupación política presentaron unha denuncia ante o propio Concello de Campo Lameiro e ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Sinalan que en 2019 derrubouse unha das cabanas pequenas por falta de mantemento.

Segundo indican desde PorVir, neste poboado investíronse 32.700 euros para a súa reparación, segundo os datos que manexan procedentes do subdirector xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais no ano 2017.

Alertan de que o Parque Arqueolóxico recibe cada ano 177.448 euros, un 67,4% de todo o orzamento gastado no coidado dos 2.573 xacementos con petróglifos durante 4 anos, que ascende a máis de 85.900 euros, ademais dun custo inicial de 10 millóns de euros. 

Ante estas cifras, a agrupación política lamentan que non se cumpra coas funcións de coidado e preservación do patrimonio. Nesta recreación obsérvanse diferentes danos, ademais da presenza de fentos crecendo sen que se realice un mantemento do poboado.

Desde PorVir lamentan que nin a Consellería de Cultura nin o Concello de Campo Lameiro exerzan as súas competencias para protexer, manter e difundir o patrimonio ante o abandono en que se atopan, segundo afirman, os máis de 300 petróglifos, mámoas e castros que se atopan no municipio.

Arquivado en