Denuncian o elevado número de accidentes na variante de Marín

Marín
30 de marzo 2014

O BNG presentou unha pregunta parlamentaria sobre o elevado número de sinistros que se levan rexistrados nesta vía, a pesar de ser pouco empregada polos condutores

Variante de Marín
Variante de Marín / BNG Marín

O BNG de Marín denuncia o elevado número de accidentes que se rexistran na variante de Marín(VG-4.4) e a gravidade da maioría deles sendo unha vía de baixa densidade de tráfico. E por este motivo, presentou unha pregunta parlamentaria a través do deputado do Morrazo, Daniel Rodas.

Segundo a voceira local, Pilar Blanco, "case todos os meses temos noticia dun accidente na Variante" e apunta aos datos que manexa a propia Xunta de Galicia na que se recolle que en 2013 os sinistros ascenderon a 15, máis dun por mes, con 25 persoas feridas.

Na resposta que traslada o director xeral de Relacións Institucionais, tras a pregunta parlamentaria, pola VG-4.4 tan só circulan 6.000 vehículos a diario polo tramo de Marín. O BNG lamenta que por parte da administración galega non se recoñeza que os accidentes se produzan por falta de seguridade viaria ou por problemas de sinalización e do trazado da carretara.

Segundo os nacionalistas, a Xunta só comprométese a aplicar microaglomerado para aumentar o coeficiente de rozamento e a mellorar a sinalización. Pilar Blanco considera que "o número de accidentes e os lugares onde se producen revela que a Variante presenta problemas nos accesos e no trazado, e é preciso que a Xunta actúe para evitar máis accidentes".