O Partido Popular de Pontevedra solicitou ao goberno local que poña ao dispor dos veciños da cidade as 37 hortas urbanas que xestiona o Concello en Conde de Bugallal, no barrio da Parda, e as 22 que ten situadas no parque de Ou Miradoiro de Monte Porreiro.
"Dos 78 bancais que existen en Pontevedra, 59 están en completo estado de abandono desde hai máis de dous anos", lamentou a concelleira popular Silvia Junco despois de visitar as áreas de cultivo municipais coas edís responsables de cada barrio, Beatriz Rey e Silvia Crespo.
As concelleiras do PP criticaron o que consideran unha "práctica habitual do BNG" que consiste en "investir grandes sumas de diñeiro en proxectos que abandonan aos poucos meses por falta de conservación e sostemento".
Junco denunciou que a maleza supera os dous metros de altura, os valos dos peches perimetrais están oxidados, os bancais rotos e os servizos complementarios como son os aseos e depósitos de materiais atópanse "completamente inutilizados".
O Partido Popular lamenta que "o Concello non se digna a limpar as hortas urbanas que son da súa competencia e que contribúen ao feísmo dunha das zonas verdes de Monte Porreiro con máis potencial".
Desde o PP recomendaron ao responsable nacionalista de Parques e Xardíns, Xaquín Moreda, que tome nota das queixas que chegan desde a oposición, "ademais do descontento veciñal nos diferentes barrios e parroquias" e que "deixe de xustificar o indefendible" xa que o edil nacionalista explicou que o problema deriva dun tema administrativo que está en vías de solucionarse coa redacción dos pregos para volver sacar a concurso os bancais do Miradoiro e a Finca do Conde cuxa anterior concesión xa expirou.