Denuncian o ataque de ansiedade sufrido por unha enfermeira tras quedar soa na atención do PAC de Marín

Marín
13 de novembro 2022

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo asegura que o venres, desde as 15.00 horas, o PAC de Marín volveu quedar sen médicos sendo só atendido por unha enfermeira que sufriu un ataque de ansiedade e tivo que ser substituída

Entrada do PAC no Centro de Saúde de Marín
Entrada do PAC no Centro de Saúde de Marín / Diego Torrado

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo denuncia a caótica situación que se viviu unha xornada máis no centro de saúde de Marín, e máis concretamente no Punto de Atención Continuada (PAC) para atender ás urxencias.

Segundo o colectivo desde as 15.00 horas da tarde do venres "só houbo unha enfermeira nas urxencias do PAC de Marín que véndose soa, sen médico, e desbordada sufriu un ataque de ansiedade".

A profesional sanitaria tivo que ser substituída, enviando a xerencia un reforzo dunha segunda enfermeira a partir das 23.00 horas da noite, aseguran.

"Cando a Xunta trata así ao persoal as consecuencias sófrenas eles e tamén os pacientes. A Xunta debe coidar a quen nos coida", critica a Plataforma.

De feito o colectivo en defensa da atención sanitaria lembra que Marín, cunha poboación próxima aos 25.000 habitantes, debería contar con dous médicos no PAC "non un administrativo e unha enfermeira sós. É inadmisible que pretendan atender as urxencias no PAC e nos domicilios con só unha enfermeira", denuncian.

Nesta situación os casos urxentes que necesitaban atención médica foron derivados aos servizos de urxencia de Pontevedra.