Denuncian que a Escola infantil de Tenorio permaneceu sen luz nin calefacción

Cerdedo-Cotobade
29 de xaneiro 2025

O portavoz do BNG, Ernesto Filgueira, sinala que os cortes de luz son constantes en diversos puntos do municipio, afectando gravemente á veciñanza con días enteiros sen luz en parroquias como Tenorio, Viascón e San Xurxo

Escola infantil de Tenorio
Escola infantil de Tenorio /

O BNG de Cerdedo-Cotobade denuncia os continuos problemas no subministro eléctrico e na conexión telefónica e de internet no municipio, unha situación que, segundo os nacionalistas, está a ser ignorada polo goberno municipal.

O portavoz do BNG, Ernesto Filgueira, sinala que os cortes de luz son constantes en varias parroquias, afectando gravemente á veciñanza.

"Días enteiros sen luz en Tenorio, Viascón e San Xurxo, e fallos continuos en Almofrei, Loureiro, Borela, Carballedo, Valongo, Quireza e Cerdedo", denuncia.

Este martes, engade, "o colexio de Tenorio quedou sen subministración eléctrica, e a escola infantil quedou sen luz nin calefacción".

Filgueira critica que esta situación se repita con frecuencia, incluso sen necesidade de temporais extremos, e acusa ao goberno municipal de inacción: "O PP sabe do problema, pero vota sistematicamente en contra das propostas do BNG para esixir á empresa subministradora unha mellora urxente das infraestruturas".

O estado do tendido eléctrico en Cerdedo-Cotobade é, segundo os nacionalistas, "obsoleto e precario", con postes de madeira en mal estado que se rompen con facilidade, provocando caídas de cables e cortes prolongados de subministración.

"Exportamos electricidade mentres os nosos veciños padecen servizos deficientes", critica o portavoz do BNG.

A situación agrávase cos constantes problemas na telefonía fixa e na fibra óptica. "O alcalde prometeu que en 2023 toda a veciñanza tería acceso á fibra, pero estamos en 2025 e esa promesa quedou no aire", denuncia Filgueira.

"Se non conseguimos mellorar os servizos, a despoboación seguirá avanzando", alerta Filgueira. Desde a fusión de Cerdedo e Cotobade en 2016, o municipio perdeu máis de 300 habitantes.

Ernesto Filgueira
Ernesto FilgueiraBNG de Cerdedo-Cotobade