A comunidade de montes de San Martiño vén de denunciar a aparición de dúas novas verteduras de cascallos e entullos no monte comunal de Vilaboa.
O primeiro punto de vertedura que foi identificado está situado na subida ao Outeiro dos Asubións desde o Lago de Castiñeiras e é de grandes dimensións.
O segundo, na Balada, no camiño do Outeiro a Cavada dos Carballos, tamén ten numeroso material, especialmente moitos restos de tarima.
Os comuneiros xa presentaron as correspondentes denuncias ante o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil e revisarán a información de fototrampeo.
Ademais, solicitan a colaboración cidadá para identificar os responsables destes feitos.
Desde a comunidade de montes apelan á concienciación cidadá, non só para o coidado do ambiente senón tamén para a correcta xestión dos residuos.
Condutas como esta, lamentan, implican un gran custo e unha responsabilidade "que non nos corresponde aos comuneiros e comuneiras da parroquia".