Denuncian dous novos vertidos no ENIL do Gafos en Tomeza, en dous puntos "recorrentes" para deixar lixo

Pontevedra
10 de setembro 2024

Trátase de dous vertidos distintos en dous puntos diferentes, pero os dous no camiño de servizo que vai paralelo á vía do tren en Tomeza. O espazo está incluído dentro do ENIL, a pesar de estar a uns 50 metros do río. Un é de teas e elementos de natureza téxtil e o outro, de cartón e material de embalaxe

Vertido incontrolado no ENIL do Gafos
Vertido incontrolado no ENIL do Gafos / Vaipolorío

O colectivo ecoloxista Vaipolorío alertou este martes ao 112 da presenza de dous novos vertidos incontrolados na zona delimitada polo ENIL (Espazo Natural de Interés Local) do río Gafos en Tomeza. 

Trátase de dous vertidos distintos en dous puntos diferentes, pero os dous no camiño de servizo que vai paralelo á vía do tren en Tomeza. O espazo está incluído dentro do ENIL, a pesar de estar a uns 50 metros do río. 

Xosé Manuel Feijoó, secretario de Vaipolorío, denuncia que son dous puntos "recorrentes" para realizar este tipo de vertidos e lembra ás persoas responsables que tanto Pontevedra como Vilaboa contan cun servizo municipal de recollida de voluminosos. 

Nesta ocasión, un dos vertidos é de teas e elementos de natureza téxtil e procede supostamente dunha tapicería e o outro é de cartón e material de embalaxe e todo parece indicar que procede dunha empresa que aparece plenamente identificada nas caixas. 

A pesar de que o contido do vertido pode apuntar a determinadas empresas, desde Vaipolorío apuntan que non necesariamente esas compañías son as responsables do vertido, pois en ocasións contrátase un servizo ou non se sabe o destino final do lixo. 

Desde Vaipolorío explican que adoitan facer visitas continuas por esa zona de Tomeza porque é un lugar no que "hai vertidos con certa frecuencia, cada dous ou tres meses"

Trátase dunha zona que atrae ás persoas responsables destas accións, "vándalos", en palabras de Vaipolorío, porque está moi pouco transitada en horario nocturno e favorece a privacidade á hora de actuar. Precisamente por iso, adoitan facer moitas vixilancias. 

Nesta ocasión, como adoitan facer cada vez que sucede chamaron ao 112. Trátase dun camiño titularidade de ADIF, pero no pasado encargouse da limpeza o Concello de Pontevedra. 

Desde Vaipolorío aproveitan estes dous vertidos para lembrar a importancia de coidar o medio e tomar conciencia sobre a necesidade de evitar este tipo de vertidos incontrolados, que son "recorrentes", sobre todo, no rural. Teñen detectadas varias zonas en Tomeza e Salcedo.