Denuncian danos nos petroglifos do Parque da Tomba polo paso de motos

Pontevedra
23 de febreiro 2021

Veciños de Campañó piden ao Concello que protexa estes xacementos con valos e alertan tamén da presenza de numerosos niños de avespa asiática nas copas das árbores

Danos nos petroglifos do parque Monte da Tomba, na parroquia pontevedresa de Campañó
Danos nos petroglifos do parque Monte da Tomba, na parroquia pontevedresa de Campañó

Veciños da contorna do parque Monte da Tomba, na parroquia pontevedresa de Campañó, denuncian os danos que están a sufrir os petróglifos deste espazo natural. 

Alertan os usuarios destas sendas que os xacementos se están vendo afectados polo paso habitual de motos de montaña sobre as rochas. Por iso, solicitan ao Concello que interveña para instalar valos ou elementos de protección que permita illar estas mstras de arte rupestre do paso de vehículos de motor.

Ao paso destas queixas e da criminalización destes deportistas saíu a Asociación de Voluntarios de Moto Campo de Galicia. A través dun comunicado deféndense das críticas e da xeneralización ao achacar casos illados de pilotos pouco respectuosos co medio ambiente a todo o colectivo. Para iso poñen en valor o seu labor no mantemento das pistas forestais durante o inverno, no respecto ao medio ambiente, no coidado do monte, na denuncia de verteduras e na colaboración con persoas accidentadas.

A dos motoristas non é a única queixa que elevan os residentes ao Concello de Pontevedra, alertan tamén da presenza de numerosos niños de avespa asiática nas copas das árbores deste parque forestal. Aseguran avisar da súa presenza fai xa máis de dúas semanas sen proceder aínda á súa retirada. 

Arquivado en