Denuncian ante a Policía Nacional a retirada de pancartas favorables a Elnosa

Pontevedra
19 de xullo 2017

O comité de empresa de Elnosa considera que se cometeu un delito que vulnera a liberdade de expresión e que lles causa tamén un perxuizo económico, que limita o seu dereito a informar a cidadanía de Pontevedra da súa situación laboral

Protesta de traballadores de Elnosa pola desaparición de pancartas
Protesta de traballadores de Elnosa pola desaparición de pancartas / Mónica Patxot

O presidente do comité de empresa de Elnosa, Avelino García, presentaba nas últimas horas unha denuncia na comisaría da Policía Nacional de Pontevedra contra a retirada de pancartas colocadas polos representantes dos traballadores da electroquímica nas rúas Benito Corbal, Oliva e Peregrina.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, manifestara o luns que o Concello non ordenara a retirada desas pancartas e o comité de empresa entende que quen o fixera comete un delito contra a liberdade de expresión e que causa, aos traballadores, un prexuízo económico, que limita o seu dereito para informar a cidadanía de Pontevedra da súa situación laboral.

O comité sinala que as pancartas foron retiradas o sábado 8 de xullo entre as 09.30 e as 10.15 horas, por persoas que "tratan de impedir un dereito constitucional básico", nunha actitude que entenden que atenta contra principios da democracia.

Sinalan que a pancarta que desapareceu de Benito Corbal estaba situada moi preto dunha cámara de vixilancia pertencente ao Concello de Pontevedra e solicitan a colaboración municipal para identificar os autores. Desde a Policía Nacional sinalan que seguirán o procedemento habitual nestes casos solicitando o visionado de todas as cámaras.

Desde o sindicato Comisións Obreiras afírmase que en Pontevedra hai pancartas que permanecen colgadas durante meses.

Arquivado en