Un grupo de afectados polas participacións preferentes do Salnés denunciou ante a Garda Civil de Sanxenxo que o Concello desta localidade lles retén algunhas das súas pertenzas, aquelas que lles quedaron no Salón de Plenos cando foron desaloxados na mañá deste martes.
Os afectados explican que a Policía Local chegou sobre as 7.30 horas do martes ao Salón de Plenos para dicilos que tiñan que deixar o lugar no que levaban encerrados case tres meses. Os axentes non lles deron tempo a recoller as súas pertenzas.
A indignación dos afectados por ser desaloxados vese incrementada ao saber que a Policía Local recogío todas as súas pertenzas en bolsas de lixo, de modo que solicitaron que se lles devolvese.
Sempre segundo a versión do afectados, pediron á Policía Local recuperar os seus aparellos persoais, pero a resposta que recibiron foi que os representantes da plataforma de prexudicados debían pedilo formalmente e máis tarde se decidiría cando se lles devolvería.
Esta resposta da Policía Local interprétase polos afectados como que as súas pertenzas están retidas, de aí que na mañá deste mércores acudisen ao cuartel da Garda Civil de Sanxenxo para denunciar tal circunstancia.
Pola súa banda, dende o Concello de Sanxenxo explican que as pertenzas dos afectados "se encontran custodiadas pola Policía Local, que se encargou de fotografar, inventariar, empaquetar e etiquetar todos os aparellos".
Aseguran que os obxectos poderán ser retirados, tal e como establece o procedemento, por parte dos responsables da plataforma de afectados tras solicitalo por escrito, como así llo fixo saber esta mañá o concelleiro de Seguridade Ciudadana, Salvador Durán.