Denuncian a mortaldade de ducias de reos, troitas e escalos no tramo urbano do río Gafos

Pontevedra
29 de outubro 2017

Vaipolorío denuncia que a orixe sitúase aparentemente nas obras do novo colector de augas residuais que se están a realizar con maquinaria pesada no leito do río. Sumado ao baixo caudal que leva o río estos días pola seca, hai unha falta de osíxeno que puido producir este episodio

Peixes mortos aparecidos no tramo urbano do Gafos
Peixes mortos aparecidos no tramo urbano do Gafos /

A asociación ecoloxista Vaipolorío denuncia que este domingo se rexistrou un episodio de alta mortaldade de peixes no tramo urbano do río Gafos. Apareceron ducias de reos, troitas e escalos mortos no leito do río no tramo entre a rúa Otero Pedrayo e a zona de Ponte Boleira

Un veciño alertou a Vaipolorío e, unha vez comprobada a gravidade da situación, o colectivo deu aviso ao Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112. Ata lugar acudiu persoal do Plan de Control de Vertidos (PCV) de Augas de Galicia, que recolleu mostras de osíxeno, PH e condutividade en diferentes puntos.

O colectivo ecoloxista denuncia que a orixe desta mortaldade sitúase aparentemente nas obras da instalación do novo colector de augas residuais que se están a realizar paralelas ao río.

Segundo explican, as obras estanse a levar a cabo coa utilización de maquinaria pesada no mesmo leito do río. Se a esta situación se lle suma o baixo caudal que leva o río estos días por mor da seca, a consecuencia deriva na falta de osíxeno que puido producir a mortaldade.

 Vaipolorío destaca que a mortaldade non afecta só aos seres vivos, tal e como se aprecia a simple vista, senón que tamén afecta aos macroinvertebrados e a outros seres vivos que conforman este ecosistema fluvial.

Arquivado en