Denuncian a destrución de elementos prehistóricos balizados na zona de obras do parque eólico do monte Acibal

Pontevedra
27 de abril 2023

Os veciños de Amil, Xeve e Campo Lameiro notificaron a Patrimonio posibles novos elementos na zona dunha nova pista nas obras do polígono eólico. Dado que o Seprona da Garda Civil non puido acudir no momento, comunicaron eses elementos. Cando os axentes chegaron, estaban destruídos

Elementos balizados
Elementos balizados / 'Amil sen eólicos'

O movemento veciñal 'Amil sen eólicos' denuncia novos danos no patrimonio do monte Acibal derivados das obras do polígono eólico en marcha na zona. 

Tal e como denuncia o portavoz do colectivo, Lucas Andión, nesta ocasión, resultaron danados varios elementos prehistóricos que estaban balizados polos veciños e non se respectaron. 

Segundo explica, a pasada fin de semana, os veciños de Amil, Xeve e Campo Lameiro notificaron a Patrimonio posibles novos elementos na zona de impacto directo dunha nova pista nas obras do polígono eólico.  

Dado que o Seprona da Garda Civil non puido acudir no momento, comunicaron eses elementos por teléfono e correo electrónico e procederon a balizalos, para que o persoal de obra tivese precaución. Tamén o notificaron con xeolocalizacións e fotografías enviadas a Patrimonio.

O Seprona acudiu ao lugar noutro momento e, cando os axentes chegaron, comprobaron que os elementos xa non estaban. Os veciños sinalan que en ningún momento se presentou o responsable de control Arqueolóxico da obra e o responsable da obra declarou que eles "non teñen por que deterse ante ningún balizado que non saben quen puxo". Ante a pregunta de cal foi a postura do arqueólogo cos elementos balizados non se deu resposta algunha, segundo a información veciñal.

Entre os elementos atopados había un chozo, unha serie de pías con interconexións de clara manufactura humana e unha pedra con elementos antrópicos da que expertos opinan que precisaba un maior estudio, que xa non se poderá realizar de estar soterrada nos movementos de terra. 

Tamén se notificaron varios petroglifos con múltiples das denominadas "coviñas", que varios expertos arqueólogos consultados polos veciños tras ver as fotos e vídeos do mesmo consideraron "moi claros" e que se atopaban no medio da pista que se acababa de limpar de maleza.

Eran, segundo os veciños, elementos moi similares aos Bens de Interese Cultural xa catalogados e que aparecen no informe da empresa, pero en mellor estado de conservación.

Todos estes elementos atopábanse sinalados e notificados polos veciños, e ao carón do sétimo tetrasquel que os veciños veñen de reportar nas inmediacións das obras. Con este, sería "a maior concentración deste tipo de gravado prehistórico pouco común de Galicia". Os poucos que existen atópanse en algunha das mellores mostras de arte rupestre da provincia de Pontevedra.

Para os veciños e veciñas, "o estado no que quedaron todos estes elementos non deixa lugar a dúbidas de que se decidiu eliminalos".

Xa pasou máis de un mes dende que os veciños reportaron o primeiro petroglifo no medio das obras, e xa son 40 os elementos reportados ás autoridades. Os veciños seguen a preguntarse "como se permite o avance e desfeita das obras sen un estudio serio da zona pese aos reportes a Patrimonio e Industria".

Arquivado en