Denuncian a aparición de pintadas ameazadoras no domicilio da concelleira Carme da Silva

Pontevedra
24 de marzo 2019

O BNG alertou nas redes sociais da aparición de pintadas coa palabra "Dasilva" xunto a unha diana no edificio no que vive a edil e candidata nacionalista ao Congreso pola provincia de Pontevedra

Pintadas ameazadoras aparecidas no edificio no vive Carme da Silva
Pintadas ameazadoras aparecidas no edificio no vive Carme da Silva / Bloque Nacionalista Galego

O Bloque Nacionalista Galego denunciou as ameazas sufridas nas últimas horas pola súa edil en Pontevedra e candidata pola provincia ao Congreso, Carme da Silva.

En concreto o BNG compartiu nas súas redes sociais a imaxe dunha parede do edificio onde reside coa palabra "Dasilva" pintada xunto a unha diana.

"A mafia nunca dorme", sinalou a formación antes de sinalar que "seguiremos traballando para que a nosa compañeira Carme da Silva sexa deputada no Congreso para termos voz propia" e mostrar "todo o apoio e toda a forza" á súa representante.

Pola súa banda o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores quixo manifestar "todo o meu apoio á nosa compañeira", sinalando que "imos continuar a defender os intereses de Pontevedra por riba de todo".

Tamén desde a oposición chegaron condenas polo sucedido como a do candidato do Partido Popular, Rafael Domínguez, ao declarar que a pesar das súas diferenzas co goberno local é algo que non se pode xustificar porque "en democracia hay votos, no dianas".