Denunciado un condutor que circulaba máis rápido do permitido e chegou ao control policial fumando un porro

Poio
19 de abril 2024

Os axentes déronlle o alto nun control preventivo de velocidade na zona de San Salvador. Unha vez que comprobou que tiña na man unha substancia estupefaciente, un policía procedeu a intervir o porro e a realizar un test salivar de drogas, que resultou positivo. O vehículo quedou inmobilizado

Resultado positivo en drogas
Resultado positivo en drogas / Policía Local de Poio

A Policía Local de Poio denunciou un condutor que foi sorprendido conducindo a velocidade inadecuada mentres consumía drogas. 

Segundo a información facilitada pola Policía Local, os axentes déronlle o alto no transcurso dun control preventivo de velocidade na zona de San Salvador.

Este condutor excedeu a velocidade permitida e, ademais, chegou circulando ata o control fumando un porro.

Unha vez que comprobou que tiña na man unha substancia estupefaciente, un policía procedeu a intervir o porro e a realizar un test de saliva para detectar o consumo de drogas, que resultou positivo.

Conducir baixo os efectos das drogas supón unha infracción que conleva unha multa de 1.000 euros e a perda de 6 puntos do carné.

Ademais de multalo por exceso de velocidade, a Policía Local propuxo á Subdelegación do Goberno en Pontevedra unha denuncia por consumir substancias na vía pública.

O vehículo quedou inmobilizado.