Denunciado un menor de idade por vender sustancias estupefacientes

Pontevedra
16 de febreiro 2025
Actualizado: 12:47

A Policía Local de Pontevedra comprobou as queixas veciñais sobre un punto de consumo de substancias estupefacientes que rematou nesta intervención e na incautación de 49,70 gr. de polen de haxix

Praza de José Martí
Praza de José Martí / Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra denunciou un menor de idade por un presunto delito contra a saúde pública.

Segundo informa o Concello de Pontevedra, estes feitos tiveron lugar o pasado martes 4 de febreiro, ao redor das 19.20 horas.

Os axentes da Policía Local estaban a comprobar as queixas veciñais sobre un punto de consumo de substancias estupefacientes na praza José Martí.

No lugar atopábanse tres mozos, de 17 e 15 anos. Á súa chegada os axentes puideron verificar unha transacción entre dous dos menores alí presentes, comprobando finalmente que se trataría de parte da substancia e dos cartos intervidos nesta intervención.

Logo de identificar a todos os presentes os axentes interviron o produto da transacción, concretamente o que resultou ser 49,70 grs de polen de haxix e 125 euros en billetes fraccionados.

A maiores, e logo dos rexistros posteriores, aos identificados intervéuselles unha báscula de precisión e unha bolsa hermética, material utilizado decotío para a venta deste tipo de substancias.

Despois de efectuaren as xestións correspondentes, presentáronse no lugar as nais dos menores, sendo todos informados das consecuencias penais e de que se trasladaría a pertinente denuncia á Fiscalía de Menores, que é a competente para iniciar a fase instrutora do caso, ao igual que a substancia e os efectos intervidos na actuación.

Desde a Policía Local mándase unha mensaxe de agradecemento á cidadanía pola colaboración directa da veciñanza desta contorna ao denunciaren os feitos, "sendo a súa información útil e vital para o bo resultado deste tipo de intervencións".