Denunciado dúas veces en menos 24 horas por conducir baixo o efecto das drogas e sen seguro

Pontevedra
16 de novembro 2024

A Policía Local de Pontevedra denunciou en dúas ocasións ao mesmo condutor o pasado xoves 14 de novembro, sendo localizado ao volante de dous vehículos distintos

Axentes da Policía Local de Pontevedra
Axentes da Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

Un condutor foi denunciado até en dúas ocasións en menos de 24 horas polas mesmas infraccións cando circulaba por Pontevedra.

Curiosamente, a Policía Local de Pontevedra localizouno e identificou ao volante de dous vehículos diferentes circulando sen seguro e baixo os efectos das drogas.

A primeira das ocasións tivo lugar de madrugada o pasado xoves 14 de novembro, cando os axentes interceptaron o condutor, cerciorándose de que conducía baixo os efectos de sustancias estupefacientes e nun coche que carecía de seguro en vigor.

Horas despois, durante a tarde dese mesmo día, o home denunciado presentouse na xefatura da Policía Local para retirar o vehículo.

Ao non ter tarnscorrido 24 horas da denuncia só podía ser entregado a un condutor alternativo.

Desta forma regresou pouco despois cun acompañante. Con todo os axentes comprobaron a súa identidade descubrindo que tiña pendente de realizar dous cursos relacionados coa vixencia do seu carné de conducir.

Por iso foi necesaria a presenza dun terceiro condutor, que si puido retirar o turismo inmobilizado.

Todo podía terminar aí, pero minutos despois a Policía Local volveu darlle o alto ao localizalo conducindo outro vehículo diferente. Este coche tamén carecía de seguro, e volveu dar positivo en drogas polo que foi denunciado de novo.