Un particular sufría en setembro de 2019 un tropezón fortuíto entre a Rúa San Roque de Abaixo e Palamios ao golpearse cunha lousa que se atopaba mal colocada, cun lixeiro desnivel. O tropezón provocou que o home caera ao chan.
Ante esta situación, o home demandou ao Concello de Pontevedra a cantidade de 516,74 euros ao considerar que o deficiente estado de mantemento da rúa e a falta de iluminación foron as causas que provocaron a caída.
Este luns, a portavoz do goberno local Anabel Gulías indicaba que o xulgado contencioso-administrativo número 3 de Pontevedra desestimara este recurso presentado polo particular e no veredicto sinalaba que, en efecto, existe un pequeno desnivel pero que a caída non pode ser atribuída ao Concello de Pontevedra. Desde o xulgado indican que se puido producir unha distracción ou unha pequena desatención por parte do peón, que provocou a caída.
Nesta decisión, desde o xulgado alegan que é imposible que o mantemento do espazo público manteña un estado "impecable de conservación" porque a propia actividade fai que haxa problemas para evitar este tipo de incidencias, segundo indicaba Anabel Gulías.
O xulgado finalmente fai responsable das custas procesuais ao demandante e obrígalle a pagar 200 euros. Desde o Concello sinalan que este tipo de reclamacións, en ocasións, se volven en contra dos demandantes, ademais de ser un "obstáculo" na actividade xudicial.