Denegan a extradición a Colombia do xefe dunha organización de sicarios que se ocultou durante anos en Pontevedra

Pontevedra
10 de febreiro 2024

A Audiencia Nacional freou a extradición de Johni Fernando Tenorio Millán, alias 'Mi Yuca', detido en decembro de 2022 en Pontevedra tras 15 anos ocultado na cidade baixo unha identidade falsa. Alega que as autoridades colombianas non enviaron a documentación que lles solicitaron

Johni Fernando Tenorio Millán, 'Mi Yuca', no cartel dos "máis buscados" pola Policía de Colombia
Johni Fernando Tenorio Millán, 'Mi Yuca', no cartel dos "máis buscados" pola Policía de Colombia

A Audiencia Nacional freou a extradición de Johni Fernando Tenorio Millán, alias 'Mi Yuca', detido en decembro de 2022 en Pontevedra despois de estar ocultado na cidade, baixo unha identidade falsa, durante case 15 anos.

'Mi Yuca' era un dos fugitivos máis buscados de Colombia, contando cunha orde de procura internacional de detención e entrega desde o ano 2007 en relación a varios delitos graves, entre eles o de homicidio e torutura a unha persoa.

O seu país chegou a ofrecer unha recompensa de 10 millóns de pesos colombianos pola súa captura, ao identificalo como o xefe dunha organización de sicarios en Colombia.

Aínda que a resolución ditada agora máis dun ano despois da súa detención pola Audiencia Nacional recoñece que "non existe dúbida" da súa identidade, achaca ao goberno colombiano falta de colaboración por non remitir toda a documentación solicitada. Explica de feito que a súa negativa á extradición baséase na "total ausencia dun relato de feitos contido na sentenza firme ditada polo Xulgado Quinto Penal do Circuito Especializado de Cali o 30 de xuño de 2011".

Esta sentenza do xulgado colombiano condenaba a Johni Fernando Tenorio Millán como responsable de 14 homicidios pero tamén por secuestro e por portar de maneira ilegal armas de fogo.

O auto da Audiencia Nacional aínda non é firme e pode ser recorrido.