"Demostremos a todo o mundo que Pontevedra é unha sociedade exemplar, e nas festas tamén"

Pontevedra
08 de agosto 2020

É a petición do chef Estrela Michelín Pepe Solla a todos os pontevedreses e visitantes este sábado desde o palco da Alameda, como pregoeiro das festas da Peregrina 2020. Insistiu na responsabilidade individual e colectiva: "Saíde á rúa, pero con moderación. Non deixemos de gozar das nosas festas, pero cumprindo todas as medidas necesarias",  

Pregón das festas da Peregrina 2020 con Pepe Solla
Pregón das festas da Peregrina 2020 con Pepe Solla / Cristina Saiz

"Demostremos novamente a todo o mundo que Pontevedra é unha sociedade exemplar, e nas festas tamén". É a petición do chef Estrela Michelín Pepe Solla a todos os pontevedreses e visitantes que durante os próximos días estarán na cidade coincidindo coa celebración das festas da Peregrina. Fíxoa este sábado 8 de agosto desde o palco da Alameda, como pregoeiro escollido polo Concello para abrir os festexos locais 2020. 

Como todos os actos organizados durante este verán no programa 'Pontevedra vívese!', o acto empezou lembrando a todos os asistentes os protocolos de seguridade para previr a expansión da pandemia do coronavirus e estivo marcado desde o primeiro ao último minuto por estritas medidas de seguridade e hixiene. O pregón pasou do habitual balcón da praza da Pedreira ao palco da Alameda e para a ocasión instaláronse 100 cadeiras nas que o público seguiu todo o acto sentado, con máscara e sen opción de moverse. 

O protagonismo da pandemia foi, polo tanto, indiscutible nas formas, pero tamén no fondo, pois mesmo foi diferente en canto a que non houbo a habitual tirada de confeti que cada ano inaugura as festas de verán en Pontevedra. No seu lugar, unha tirada de fogos de artificio e a música do grupo GaliFunk Brass. Antes e despois, houbo música, xigantes, cabezudos e todo o centro estivo animado de xente.

Ao igual que Pepe Solla, a concelleira de Festas, Carme da Silva, manifestou o seu desexo de que as festas desde verán 2020 sexan recordadas como as da pandemia, pero tamén por ser "unhas festas celebradas con responsabilidade" na que Pontevedra demostre que a súa "madurez" e "o boa que é esta vila"

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, pola súa parte, recordou que, como todo o mundo, tiveron dúbidas sobre como celebrar as festas en medio da pandemia, pero no quen nunca pensaron foi en suspendelas, porque as festas tamén son moi necesarias para a cidadanía e para a economía. O que si fixeron foi reinventalas e o rexedor insistiu desde o palco en que "nunca é suficiente repetir que hai que respectar as medidas de seguridade"

Durante o seu pregón, Pepe Solla reiterou toda esta necesidade de tomar precaucións para evitar contaxios e a expansión da Covid-19. Foi un pregón moi sentido no que o prestixioso chef pontevedrés lembrou o "especial" do día e do ano, compartiu cos presentes recordos da súa infancia vencellados ao palco da Alameda desde o que este sábado deu o discurso e deixouse levar por un espírito positivo.

"Eu son positivo, sempre o fun e o serei, é a única forma de afrontar a vida e así é como pretendo que se recorden estas festas, lonxe de deixarnos levar polas circunstancias faremos unha lectura positiva desta situación", manifestou, e insistiu en que "agora mesmo o primeiro que debemos facer é gozar das nosas festas, temos días por diante, e imos facelo"

Fixo tamén referencia ao novo modelo de festas deseñado polo Concello, no que se busca evitar as aglomeracións con actividades por toda a cidade, e manifestou que lle parece unha fórmula moi axeitada que resultará positiva e que lle parece "unha melloría a instaurar, a instalar para outros anos". 

"As necesidades sempre nos obrigan e nos axudan a reinvertarnos. Non hai mal que por ben non veña, que dicían os vellos, e coma sempre teñen razón", sinalou respecto disto.

Non faltaron as alusións a un dos motivos polos que este ano o elixiron para dar o pregón, ter colaborado durante os días máis duros da pandemia co comedor social de San Francisco, pero quixo restar protagonismo propio en pro do colectivo e destacou que "só fun a cara visible dun grupo de persoas que traballaron, e algunhas seguen traballando, cada día polas necesidades dunha parte da poboación que ten necesidades reais no día a día". Enumerou polo nome a moitas destas persoas.

"Saíde á rúa, pero con moderación. Gozade dos bares e dos locais de ocio, pero respectando a necesaria distancia. Enchede as prazas de xente, pero respectando os aforos. Non deixemos de gozar das nosas festas, pero cumprindo todas as medidas necesarias", pediu aos pontevedreses e visitantes consciente de que pode ser unha mensaxe confusa e algo contraditoria.