"Demoledora" sentenza contra ENCE: as obras que faga en Lourizán necesitan licenza municipal

Pontevedra
12 de abril 2019

Novo pau xudicial a Ence. Todas as obras que faga no complexo industrial de Lourizán necesitan licenza municipal. Polo menos, aquelas que non figuren no proxecto sectorial de incidencia supramunicipal aprobado pola Xunta de Galicia en 2003. É dicir, practicamente todas. Así o determina unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Fábrica de ENCE na ría de Pontevedra
Fábrica de ENCE na ría de Pontevedra / Nacho Fuentes

Novo pau xudicial a Ence. Todas as obras que faga no complexo industrial de Lourizán necesitan licenza municipal. Polo menos, aquelas que non figuren no proxecto sectorial de incidencia supramunicipal aprobado pola Xunta de Galicia en 2003. É dicir, practicamente todas. Así o determina unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A sentenza, que foi divulgada este venres polo Concello de Pontevedra, non é firme e contra ela, en todo caso, cabe recurso de reposición ante o Tribunal Supremo.

Todo parte dunhas obras que a compañía pasteira realizou entre finais de 2015 e principios de 2016 na zona de pesada de camións e nas balsas de decantación. O goberno municipal, tras unha inspección urbanística, decretou a suspensión destes traballos por falta de licenza e abriu un expediente para obrigar a Ence a repoñer a legalidade.

Ence presentou un recurso ante o Concello, que foi desestimado, e posteriormente acudiu aos tribunais, alegando que se lle obstaculizara o acceso ao expediente urbanístico, que o órgano que ditara o decreto de suspensión non tiña competencias para iso e que, en todo caso, as obras estaban amparadas polo plan sectorial vixente.

O TSXG confirma agora unha primeira sentenza do tribunal contencioso administrativo número 3 de Pontevedra e que, segundo o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, resulta "demoledora" para os intereses da empresa.

Os maxistrados do alto tribunal galego certifican que Ence si tivo acceso ao expediente e, de feito, presentou o seu recurso antes de que termina o prazo para facelo e, ademais, conclúen que o órgano que lles sancionou, a concellería de Urbanismo por delegación do alcalde, si era competente para facelo.

Moito máis contundentes son en relación á licenza. A sentenza determina que para que as obras de Ence poidan estar excluídas de autorización municipal deben figurar previamente no proxecto supramunicipal aprobado. Como xa non é o caso, explica o TSXG, deben recibir a licenza correspondente.

A este respecto, engaden os maxistrados, os traballos suspendidos polo Concello invadiron ilegalmente áreas reservadas para viarios, zonas protexidas ambiental e paisaxísticamente polo Plan de Ordenación do Litoral (POL) e terreos de dominio marítimo-terrestre que non podían ocupar baixo a autorización supramunicipal.

Raimundo González destacou que esta sentenza demostra o incumprimento "manifesto" da legalidade vixente por parte de Ence e o "amparo" que recibe desde a Xunta de Galicia para facelo, xa que "non lle preocupa" que se incumpra a normativa autonómica en materia ambiental e "só defenden" os intereses da empresa.

A actuación da Xunta con respecto a Ence, engadiu o edil do BNG, é "escandalosa" e considera que se trata dun comportamento "inconcebible" en democracia.

Ence, actualmente, ten máis expedientes en trámite por obras que realizou dentro do complexo sen autorización. Todas elas, vaticinou o edil, poderían seguir o mesmo percorrido xudicial. En todo caso, González asegura descoñecer se algunhas destas actuacións serían "legalizables". Para iso, iso si, a pasteira tería que iniciar os trámites ante o Concello.

Arquivado en