A asociación Vaipolorío volveu recorrer á lenda do "demo asubiador" para realizar unha orixinal felicitación para estas festas.
A agrupación que se encarga do coidado do río Gafos conta que na zona de Figueirido, no municipio de Vilaboa, afai a escarbar un trasgo revoltoso, ao que se coñece como "demo asubiador".
Este personaxe ten por ocupación escoller durante a data de ano novo a un parvo da aldea.
Pero explican que este ano "o noso querido trasgo, natural da ribeira do río dos Gafos, ten moi complicada a tarefa de escoller o parvo do ano". O motivo: "o aumento que se produciu desta xente no ano en que andamos".
Este pequeno diaño realiza este ritual todos os anos e dedícase a asubiar no oido da persoa seleccionada. Como consecuencia, a vítima deste xogo de lenda pásase o ano escoitando campás e sen saber de onde proceden. Unha vez que pase o ano, repítese o ritual con outra persoa escollida.
Segundo conta Calros Solla a partir da tradición recollida a través do informante Pedro Aboi Santos, este costume prodúcese "desde que as orellas colgan da cabeza".
Esta lenda animou a Vaipolorío a publicar o conto titulado 'O demo asubiador' coa colaboración do escritor Carlos Solla, ilustracións do Chica Pájaro e a partitura de Rosalía Rodríguez.
"O demo asubiador é á nosa mitoloxía o que a saramaganta á zooloxía de noso: un endemismo". É dicir, algo que só se pode atopar en Galicia.