Demetrio Gómez fala de "sold out" para cualificar o éxito das Festas da Peregrina

Pontevedra
19 de agosto 2024

O concelleiro de Festas indica que se todas as actividades fosen de pago "teríamos colgado o cartel de non hai billetes". Afirmou que, ao marxe da agresión machista a dúas mozas no concerto de Delaossa, a Policía Local non tiña rexistrado grandes incidencias. Lembra que este luns é o último día das Festas da Peregrina coa xornada infantil e invitou á cidadanía a participar tamén de próximos eventos como a Festa do Demo ou a Feira Franca 

Demetrio Gómez, concelleiro de Festas
Demetrio Gómez, concelleiro de Festas / PontevedraViva

Demetrio Gómez, concelleiro de Festas de Pontevedra, realizaba unha avaliación sobre as Festas da Peregrina, que este luns chegan á súa conclusión coa xornada infantil con prezos reducidos nas atraccións.

"O máis bonito foi ver Pontevedra ateigada", asegurou o concelleiro destacando unha "convivencia exemplar" durante a programación das Festas de Verán.

Neste sentido volveu a condenar a agresión machista a dúas mozas durante o concerto de Delaossa, pero manifestou que durante o resto dos días a Policía Local non comunicara incidencias destacables.

Apuntou que o movemento económico foi "moi importante" durante estes días e sinalou que todas as actividades "son de balde" coa intención de que toda a cidadanía poida participar.

"Se fosen de pago teriamos colgado o cartel de non hai billetes, o sold out", asegurou Demetrio Gómez insistindo en que Pontevedra durante estas últimas xornadas "botou por fóra".

Felicitou ao departamento de Festas polo traballo desenvolvido e ás empresas adxudicatarias que foron resolvendo imprevistos sen que se rexistrasen incidencias.

O Concello carece de datos concretos sobre o número de persoas que acudiron tanto ás Festas da Peregrina como aos distintos concertos.

Demetrio Gómez indicaba que no de Tanxugueiras o público chegaba ata a Rúa Riestra. "Este modelo permite que o aforo sexa maior que pechando unha praza ou un local", indicou o concelleiro responsable das festas.