Demetrio Gómez explica en Valencia a aposta de Pontevedra pola mobilidade peonil

Pontevedra
28 de novembro 2017

O Concello de Pontevedra participou este martes no Congreso Nacional de Medio Ambiente (Conama) que se celebra na cidade de Valencia. Fíxoo da man do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, na mesa 'Accións e actuacións no espazo público para o cambio de hábitos e a transformación da cidade'

Participación de Demetrio Gómez no Congreso Nacional de Medio Ambiente (Conama) en Valencia
Participación de Demetrio Gómez no Congreso Nacional de Medio Ambiente (Conama) en Valencia / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra participou este martes no Congreso Nacional de Medio Ambiente (Conama) que se celebra na cidade de Valencia. Fíxoo da man do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, na mesa 'Accións e actuacións no espazo público para o cambio de hábitos e a transformación da cidade'.

Demetrio Gómez participou xunto aos concellos de Barcelona e Murcia e a axencia GEA 21 e falou da recuperación peonil da cidade. O obxectivo da mesa era dar a coñecer as medidas que se estaban realizando en distintos concellos para reconfigurar a mobilidade.

O concelleiro de Obras destacou que o modelo de Pontevedra é integral e está centrado na redución do vehículo privado e a recuperación dos espazos públicos para os peóns. Segundo informou o Concello a través dun comunicado, tivo especial interese entre o público asistente como se conseguiu cambiar os hábitos en Pontevedra para 'aparcar' o vehículo privado e empregar a mobilidade sostible. 

Conama é unha organización estatal que promove o intercambio do coñecemento a favor do desenvolvemento sustentable. Creouna o Colexio Oficial de Físicos, co apoio do Ministerio de Medio Ambiente, para encargarse da organización do Congreso Nacional do Medio Ambiente, encontro bienal que se celebra dende o ano 1992, e do que colle as siglas.