Demandan un plan de rexeneración para recuperar a Ría de Pontevedra

Pontevedra
17 de xuño 2015

O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas ven de levar a Comisión de Pesca unha proposición non de lei instando a Xunta de Galiza a tomar medidas concretas para recuperar a actividade produtiva da ría de Pontevedra

Mariscadores de a flote nos Praceres
Mariscadores de a flote nos Praceres

O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas, explicou na Comisión de Pesca no Parlamento galego a "situación dramática" pola que atravesan as mariscadoras e os mariñeiros na ría de Pontevedra nestes primeiros seis meses ao comprobar os poucos días que puideron faenar provocado polos temporais, os peches administrativos ou a escaseza de recursos polo que demandou un plan de rexeneración para recuperar a Ría.

Segundo os datos presentados na Comisión unicamente se extraeron 83.000 quilos de moluscos este ano, en comparación cos 140.000 quilos do ano pasado ou os 274.000 quilos do ano 2013.

A situación foi tal que a maior parte das zonas de extracción permaneceron máis de dous meses pechados por peches administrativos. A elo hai que engadirlle os día perdidos  por mal tempo, ou a falta de medidas contra a contaminación o que supuxo que recentemente tres polígonos de bateas teñan empeorado a súa clasificación pasando de zona B a zona C, o que lles impide vender a unhas 60 bateas en fresco ou a través de depuradora e ter que comercializar o mexillón para a industria ou a cocedeiros.

Neste contexto o colectivo de mariscadoras pasou de 800 mariscadoras no ano 2000 as actuais 376, o que supón unha caída do 53%.  Un colectivo cuxa media de idade está en 52 anos para o cal un 49% representa a principal fonte de ingresos. O salario medio durante todo o ano pasado estivo en 6.482 euros e no anterior en 5.720 euros o que evidencia a dramática situación que están a vivir.

O portavoz de Pesca do PP, Jose Manuel Balseiro, presentou unha emenda para continuar as medidas dirixidas a rexeneración da ría incluíndo o impulso do Plan de saneamento local.

Jose Manuel Balseiro, lembrou que só nos últimos catro anos o Goberno galego investiu máis de 245.730 euros en nove proxectos de rexeneración presentados polas entidades asociativas do sector, a través das correspondentes convocatorias anuais publicadas pola Consellería do Medio Rural e do Mar, ademais de colaborar en tarefas de vixilancia e control biolóxico.

Pero os nacionalistas do Bloque reclamaron medidas "urxentes e concretas" coma son: iniciativas contra a mortaldade do berberecho. Un Plan de produción de semente que permita rexenerar os bancos. Actuacións sobre o substrato nos principais areeiros. Comprometer o saneamento integral cunha nova depuradora en Praceres e outra en Poio. Alternativa a que o marisco de zona C pase pola "batea depuradora" que provoca  a devaluación do produto e caída de prezo. Medidas para erradicar as zonas C. Recuperación e reposición do persoal do Servizo de Gardacostas. Parada subvencionada por mortaldade ou por causas naturais que lle permita ter ingresos ao sector por causas alleas a súa actividade. Medidas de comercialización, con marca inmaterial propia e canles de vendeduría directa.

Na votación final a proposta do BNG foi rexeitada pola maioría dos votos do PP.

Arquivado en