O Movemento Veciñal a prol dos Bens Comúns de Marín, tras un debate sobre o futuro centro de saúde para a vila, entende que esta instalación corre o risco de non converterse nunca en realidade debido ao tempo de execución da obra, os problemas da empresa encargada do proxecto e a falta de vontade política.
Denuncian que na actualidade contan cun baixo, "chamado centro de saúde", que non cumpre os requisitos para desenvolver unha atención sanitaria "minimamente decente" e que ten un custo elevado. Afirman que a Casa do Mar é unha instalación vella que non foi deseñada para atender as necesidades sanitarias das poboación de Marín e que, para poder facelo, vai ampliando o número de consultas "achicando aínda máis os espazos", cun Punto de Atención Continuada que cualifican de tercer mundista.
Desde este colectivo indican que Marín é a única vila de máis de 20.000 habitantes sen centro de saúde novo e sinalan que outras similares como Ribeira ou Cangas teñen unhas dotacións sanitarias en condicións.
A Xunta de Galicia licitou o proxecto o pasado 4 de xuño por un importe de 6 millóns de euros, financiados nun 80% polo programa Feder da Unión europea, cun prazo de execución de 17 meses. As condicións impostas pola UE obrigan a que esta obra estea rematada en decembro de 2015, do contrario perderíanse os fondos europeos.