Demanda socialista dunha rede de aseos inclusivos accesibles durante as 24 horas en Pontevedra

Pontevedra
21 de decembro 2023

O grupo municipal do PSOE tamén demanda ao goberno local a posta en marcha dunha liña municipal de axudas para financiar obras de adaptación de baños en vivendas particulares de persoas con discapacidade. Sinalan que con 100.000 euros anuais sería posible adaptar baños en arredor de cincuenta domicilios

Iván Puentes mantén un encontro con integrantes de colectivos de persoas con discapacidade
Iván Puentes mantén un encontro con integrantes de colectivos de persoas con discapacidade / PSOE de Pontevedra

Iván Puentes, portavoz municipal do PSOE, e os concelleiros Marcos Rey e Paloma Castro mantiveron un encontro con representantes de diversas asociacións de Pontevedra comoAmencer-Aspace; Asseii; Amizade; e Asem Galicia.

Durante esta reunión os representantes socialistas recolleron as necesidades destes colectivos. O encontro desenvolveuse na cafetería do Liceo Casino ao non atoparse o edificio municipal de Churruchaos, onde se atopa a oficina do grupo socialista, adaptado ás necesidades de mobilidade de persoas que precisan de cadeiras de rodas.

Unha das principais necesidades que se expuxeron foi a creación dunha rede de aseos inclusivos accesibles durante as 24 horas do día e en puntos estratéxicos da cidade.

Entre estes puntos, os representantes dos colectivos indicaron a contorna de Campolongo; unha zona próxima á pasarela de 12 de Novembro; e o parque da Alameda, entre outras posibles localizacións, como onde se atopa o antigo quiosco de Juan XXIII nas proximidades á Praza de San Xosé.

Os socialistas lembran que en abril de 2023 se realizou, cando Marcos Rey era concelleiro de Benestar Social, unha experiencia piloto dun aseo inclusivo na Praza de Galicia e que foi recibido cun "aplauso unánime" por estas asociacións de persoas usuarias. Por este motivo, demandan ao goberno local estas instalacións de forma permanente.

Do mesmo xeito entenden que o goberno local "debe dar exemplo nas súas instalacións municipais" e piden que se inclúa nas obras dos edificios en reformas a adaptación dos baños para transformalos en aseos inclusivos que as persoas con necesidades especiais poidan utilizar a calquera hora do día.

Esta demanda presentarase nunha moción plenaria do mesmo xeito que a petición dun acordo entre o Concello e a hostalería local para que os establecementos que o desexen se incorporen a esta rede permitindo o uso libre dos aseos dos seus locais.

Por último, solicitarán que o Concello a través de Servizos Sociais estableza unha liña de axudas para colaborar no financiamento de obras de adaptación dos baños das súas vivendas particulares. Consideran que cunha partida de 100.000 euros anuais transformaríanse ao redor de 50 baños en domicilios de persoas con estas necesidades.