Demanda parlamentaria á Xunta para que rehabilite o Pazo de Lourizán

Pontevedra
01 de xuño 2021

Luís Bará, parlamentario do BNG, esixe ao goberno galego que cumpra coa Lei de Patrimonio, realice a actuación para rehabilitar o edificio e desenvolva un plan para os futuros usos deste Pazo que se centren na investigación e divulgación ambiental

Pazo de Lourizán
Pazo de Lourizán

A preocupación polo estado no que se atopa o Pazo de Lourizán chega ao Parlamento de Galicia a través das preguntas e demandas que presenta Luís Bará, deputado do BNG. Este edificio, a través de convenios asinados nos anos 1991 e 2000, establecía un período de cesión de trinta anos da Deputación de Pontevedra á Xunta de Galicia. Este prazo finalizaba en xaneiro de 2021, pero aplicouse a cláusula que establecía unha prórroga dun ano máis.

Ademais, o inmoble atópase pendente dun proceso xudicial, despois de que no pleno da Deputación de Pontevedra en 2019 aprobase a presentación dun contencioso administrativo polo incumprimento reiterado por parte da Xunta da obriga establecida no convenio de "efectuar as obras de conservación necesarias para o mantemento da zona nobre do conxunto, respectando o seu carácter artístico e monumental".

O BNG alerta agora de que a situación de abandono e deterioración das instalacións non se poden seguir mantendo no tempo, tanto por razóns de seguridade, de garantía de integridade do edificio, de protección patrimonial, de estética e de exemplaridade por parte das administracións públicas. Lembran que se está privando á comarca de Pontevedra dun ben que podería ser, xunto cos xardíns, un importante elemento de dinamización turística, científica e ambiental.

Bará tamén acusa á Xunta de tentar privatizar mediante a cesión a Ence deste espazo, "nunha clara operación de abandono de funcións e de branqueo da empresa pasteira". E sinala que nin o investimento  previta nin o proxecto anunciado era acorde coa historia e o significado e proxección deste conxunto arquitectónico.

Ante esta situación, o BNG demándalle á Xunta que leve a cabo de maneira inmediata os estudos e actuacións imprescindibles para conservar, protexer e manter o Pazo de Lourizán. Ademais, pide unha actuación integral de rehabilitación e posta en valor do edificio, acordada previamente coa Deputación de Pontevedra. E por último, demanda un estudo sobre os usos futuros do Pazo de Lourizán para que se investigue e realícese divulgación ambiental ao redor dos bosques, atendendo aos bosques sostibles e á multifuncionalidade do monte.