Vilagarcía entra esta semana no vórtice festivo das Festas de San Roque e, a modo de petisco, a axenda despega este domingo coa gran cita gastronómica da Festa da Ameixa do Carril.
Será a Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo a encargada de servir as racións de ameixa á mariñeira dende ás 12:00 horas e ata esgotar existencias.
A cita inclúe actuacións musicais e entrega de recoñecementos ás persoas e entidades relacionadas á produción marisqueira de Carril dende distintos eidos.
Desde o Concello indican que debido á ausencia de babosa, este ano cociñarase ameixa da variedade xapónica, cultivada igualmente nas concesións marisqueiras e parques de cultivo de Carril.
Os prezos das consumicións mantéñense como o ano anterior de xeito que a ración de ameixa á mariñeira custará 12 euros con pan e prato conmemorativo incluídos. A botella de albariño tamén se venderá a 12 euros, as cervexas e refrescos a 2 euros e a auga a 1,50.
Os tickets poden adquirirse de forma anticipada na carpa habilitada este sábado na Praza de Galicia de Vilagarcía ou o domingo no Carril, a partir das 11 da mañá, na billeteira habilitada no recinto da festa.
As racións de ameixa comezarán a servirse a mediodía, hora á que tamén se inicirán os actos oficiais coa lectura do pregón a cargo dos Mozos de Arousa e o discurso do alcalde, Alberto Varela.
Sobre as 12:30 horas será a entrega das distincións que a Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo, presidida por Javier Quintáns, concederá ao mariscador Fernando Berride, da asociación BATA e da conserveira Peperetes. Tamén se fará entrega dos premios do I Concurso de Fotografía Ameixa do Carril.
A xornada inclúe as actuacións musicais do gaiteiro carrilexo Cristina Silva e do grupo Pablo Balseiro e Verbenian Orquestra, así como os pasacalles dos grupos tradicionais Brisas do Ulla e Xirifeiros.