Degustación de carnes autóctonas na II Feira Agroalimentaria

Cerdedo-Cotobade
24 de setembro 2024

O evento terá lugar o sábado 28 de setembro en Cuspedriños e contará cunha carpa que ofrecerá produtos locais de balde a partir das 20.00 horas

Os Trazantes de Tenorio actuarán na Feira Agroalimentaria de Cuspedriños
Os Trazantes de Tenorio actuarán na Feira Agroalimentaria de Cuspedriños / Os Trazantes de Tenorio

O Concello de Cerdedo-Cotobade acollerá a II Feira Agroalimentaria o vindeiro sábado 28 de setembro en Cuspedriños, no lugar do Mercado, a partir das 19.00 horas.

O alcalde, Jorge Cubela, presentou este evento que ten como obxectivo promocionar aos produtores locais e exaltar o porco celta e as razas autóctonas de tenreira galega como a cachena, limiá e a caldelá.

As tapas terán un prezo de 0,50 céntimos.

A feira contará con expositores locais que ofrecerán unha ampla variedade de produtos, incluíndo arándanos, mel, filloas de Valongo, produtos da horta, panadeiría e cervexa artesá.

O grupo de música tradicional galega Os Trazantes de Tenorio amenizará a xornada.

O punto destacado do evento será a presenza dunha carpa que, a partir das 20.00 horas, ofrecerá unha degustación de carnes autóctonas preparadas no momento.

Esta iniciativa permitirá aos asistentes comprobar as propiedades organolépticas e degustar diferentes ofertas culinarias baseadas nas carnes das especies promocionadas na feira.

O alcalde destacou o papel crucial dos produtores locais na dinamización económica do municipio e na fixación de poboación, xa que favorecen a creación de emprego e riqueza no territorio.

"Desde o Concello de Cerdedo-Cotobade apostamos por levar a cabo iniciativas de dinamización económica e que ao mesmo tempo sirvan para promocionar o noso municipio e favorezan unha plataforma de coñecemento e promoción dos emprendedores locais", afirmou Cubela.