A Deputación Provincial de Pontevedra terá no ano 2018 un orzamento que ascenderá a case 156,9 millóns de euros. Son unhas contas baseadas na "prudencia" á espera de que o Goberno central aprobe os Orzamentos Xerais do Estado, pero, aínda así, supoñen un incremento do 2,95% con respecto ás contas de 2017 e, segundo destacan os responsables provinciais, cumpren cos requisitos de estabilidade e déficit cero.
A presidenta e o vicepresidente da Deputación, Carmela Silva (PSOE) e César Mosquera (BNG), compareceron xuntos este mércores para presentar os datos básicos deste orzamento, que o martes se entregou aos partidos da oposición -PP e Marea- e este xoves debaterase en comisión informativa. O grupo de goberno conta coa maioría suficiente para sacalo adiante, de modo que quedará aprobado o vindeiro martes 28 de novembro nun pleno extraordinario.
O orzamento consolidado, no que se inclúen os gastos da Escola Universitaria de Enfermería e o Consorcio Provincial de Bombeiros, ascenderá a 159,5 millóns e Carmela Silva destacou que en todas as contas non hai "nin un só euro" de libre disposición para a Presidencia, unha práctica que si era habitual no antigo goberno provincial do PP.
O Plan Concellos, un dos proxectos bandeira do goberno bipartito, supoñerá máis de 26% do orzamento, un total de 42 millóns. Supón un 2% máis que en 2017 (41,2 millóns), pero se hai dous proxectos que chaman a atención nas contas facilitadas polos responsables provinciais son o traslado do parque de maquinaria e unha actuación importante con motivo do 90 aniversario do Museo de Pontevedra.
En relación co parque de maquinaria, que debe deixar o seu emprazamento actual ao atoparse en terreos afectados pola Lei de Costas, Mosquera e Silva indicaron que o novo orzamento xa inclúe unha previsión de gastos para asumilo. Aínda non está decidida a nova localización, pero si que estará ou ben nun polígono industrial ou a lado dunha estrada provincial. Unha das sedes máis probables é o polígono de Barro-Meis, pero non hai decisión tomada á espera dos estudos técnicos.
Carmela Silva destacou que o bipartito está "satisfeito" polo "cambio radical" que supuxo a nova Deputación, que conseguiu un dos obxectivos que se marcou ao comezo do mandato en 2015 de reducir a débeda. O anterior goberno provincial deixou unha débeda de 39 millóns de euros e calculan que ao termo de 2018 deixarana en 12 millóns.
Ademais, insisten en que as contas son un reflexo dunha administración "ben xestionada" que fai un investimento de 48 euros por habitante (en 2017 eran 45) e un gasto de 166 euros por habitante (160 un ano antes). É, segundo destacan, unha das administracións que destinan máis euros por habitante.
Os orzamentos son un reflexo do "proxecto global de provincia" que ten o bipartito, no que ten un peso especifico os programas dedicados ao fomento do emprego (case 14 millóns de euros), o tratamento e xestión de residuos (3,4 millóns), a mobilidade (17), turismo (4), igualdade entre mulleres e homes (1,7), cohesión social (5,6) e ao mantemento e xestión do Museo Provincial (4,4).