Dous anos. Ese é o prazo que manexa o Instituto da Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED) para cumprir o convenio que asinou este mércores co Concello de Pontevedra e que supoñerá integrar na cidade as vivendas militares existentes en Campolongo e Mollavao.
Así o avanzou o director xerente deste organismo vinculado ao Ministerio de Defensa, Atilano Lozano. "Estamos convencidos de que se van a cumprir los plazos", explicou tras a rúbrica deste acordo que, de maneira telemática, formalizou co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Este convenio urbanístico asinouse tras máis de dúas décadas de tramitación, polo que Fernández Lores mostrou a súa satisfacción por poder "regularizar" a situación destas dúas áreas militares, actualmente de uso restrinxido para os seus residentes, e poder "permeabilizar" estes dous ámbitos urbanos.
"Es un acuerdo en el que todo el mundo sale beneficiado, tanto los ciudadanos de Pontevedra como los usuarios de las viviendas militares", engadiu o responsable do INVIED, que recoñeceu que a tramitación deste convenio foi "compleja".
En virtude deste convenio, o Concello recibirá case 10.000 metros cadrados de espazos públicos e zonas verdes en Campolongo, entre Xeneral Rubín e a Rúa da Tablada; e case 4.000 metros entre Manuel do Palacio e Rosalía de Castro, xunto ao colexio Salvador Moreno.
Ademais, Defensa entregará á administración municipal, un local de 367 metros cadrados nun dos edificios militares, completará a Rúa da Tablada e creará unha nova conexión con María Victoria Moreno e unha praza pública entre Rosalía de Castro e Manuel do Palacio.
Na urbanización destes dous ámbitos, o organismo estatal investirá 750.000 euros.
O INVIED logra, pola súa banda, reordenar a edificabilidade dos seus terreos e poderá, por unha banda, vender as actuais vivendas militares aos seus propietarios e, por outro, construír dous novos edificios que albergarán unhas 220 novas vivendas.
Dentro dos plans do instituto para Pontevedra figura ademais a rehabilitación integral dos antigos chalés militares de Mollavao que, segundo o seu director xerente, serán divididos para albergar vivendas que se ofrecerán de maneira gratuíta a altos cargos e profesores da Escola Naval de Marín e do cuartel da Brilat.
O obxectivo, explicou, é que estes dous destinos sexan "más atractivos" para estes profesionais e sirva como "incentivo" para vir a Galicia "al no tener que pagar alquiler".