A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) solicitou este mércores diante do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente (MAGRAMA) a consideración como parte interesada no expediente da prórroga extraordinaria solicitada pola empresa ENCE.
Ao abeiro da Lei de Procedemento Administrativo Común, a APDR solicita que se lle dea audiencia en todos os trámites do procedemento e acceso ao expediente na forma en que desde o Ministerio se considere máis axeitada.
Segundo o presidente da APDR, Antón Masa, esta solicitude se fixo ao ter coñecemento de que o MAGRAMA está disposto a resolver este expediente de forma favorable á prórroga con anterioridade á toma de posesión do novo goberno saído das urnas o pasado 20D, "unha decisión que non dubidamos en cualificar de eticamente reprobable e ilexítima".
Consideran no colectivo ecoloxista que un goberno en funcións tome unha decisión tan transcendental para o futuro da Ría de Pontevedra coma a de prorrogar unha concesión en terreos de titularidade pública a unha empresa privada "que ademais incumpre a legalidade", podería "rozar a prevaricación" xa que "estarían a tomar unha decisión a sabendas de que é inxusta".
Unha vez máis desde a APDR chaman a atención sobre a "permanente conivencia entre o PP e a empresa ENCE, unha relación que está detrás das presas por concederlle unha prórroga á empresa".