Defensa colaborará con Poio para definir os usos da illa de Tambo

Poio
29 de agosto 2022

O alcalde Luciano Sobral e o edil de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, indicaron a Amparo Valcarce o bo funcionamento do sistema de visitas guiadas e trasladaron a súa aposta por seguir traballando na preservación desta paraxe

Visita á illa de Tambo da secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce
Visita á illa de Tambo da secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce /

Amparo Valcarce, secretaria de Estado de Defensa, visitaba este luns o Concello de Poio, onde era recibida polo alcalde Luciano Sobral e polo concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís. A continuación realizaban unha visita á illa de Tambo no primeiro acto institucional que se desenvolve neste espazo desde que o Concello asumise a súa xestión, tras a concesión de dominio público asinada co Ministerio de Defensa o 1 de marzo deste ano.

Durante a visita, a representante estatal puido comprobar os traballos de limpeza, valado de zonas de protección para protexer espazos sensibles, e a roza que se acomete en diversos puntos da illa. Os integrantes do goberno local explicaron que se seguen permitindo visitas guiadas, tanto abertas para a cidadanía como para asociacións, previa solicitude ao Concello de Poio.

Maica Larriba, subdelegada do Goberno, e Miguel Cortés, subdelegado de Defensa, tamén participaron na expedición para comprobar os restos do lazareto, a praia principal, a antiga polvoreira e os restos da capela de San Miguel.

Desde o goberno local, o alcalde sinalou que o sistema de visitas á illa está a funcionar ben e sinalou que se está desenvolvendo un proxecto para poñer a illa en valor e preservar a súa riqueza patrimonial e ambiental. A intención, segundo sinalou Luciano Sobral, é que Tambo se converta nun referente de Poio e de toda a ría pontevedresa.

Gregorio Agís profundou neste aspecto afirmando que se traballa no Plan de Usos de Tambo para definir o futuro da illa e as pautas de actuacións para a súa transformación, pendentes de fondos para conservala, poñela en valor e consolidala como elemento referencial.

Valcarce definiu o convenio asinado entre Defensa e o Concello de Poio como unha concesión demanial "histórica" e mostrouse predisposta a colaborar para continuar fomentando o valor deste enclave. Lembrou que unha Comisión de Seguimento da Concesión Demanial analiza a xestión da illa desde o 1 de marzo para garantir o bo uso deste espazo insular.

Arquivado en