A Consellería do Medio Rural acaba de solicitar a declaración da situación de emerxencia 2 no incendio que afecta ao monte da Fracha desde a tarde deste venres e que arrasou xa máis de 20 hectáreas. A medida adoptouse pola proximidade do lume á parroquia da Canicouva, en Pontevedra.
Segundo os datos oficiais, o lume declarouse ás 19.35 horas na parroquia de Xustáns, en Ponte Caldelas, pero desde aí propagouse tamén ao concello veciño, Pontevedra, e agora pon en risco a zona da Canicouva.
A situación 2 de alerta decretouse como medida preventiva pola proximidade das casas e tamén supón unha protección e despregamento de medios adicional para protexer as zonas habitadas.
Fontes veciñais indicaron a PontevedraViva que o lume afecta a zonas de monte tamén de Xustáns e Baltar, en Ponte Caldelas, e da Canicouva, en Pontevedra, onde se centra durante a noite o traballo dos medios de extinción.
A primeira estimación provisional de superficie afectada falaba ás 22.45 horas deste venres de máis de 20 hectáreas.
O lume permanece activo e para a súa extinción despregáronse na zona tres axentes, seis brigadas, catro motobombas, dúas pas, tres avións e tres helicópteros.
Desde o Concello de Ponte Caldelas acordouse ás 21.50 horas un corte de luz en todo o termo municipal "por emerxencia" e para facilitar que os medios aéreos de extinción puideran seguir traballando.
O fume que sae do lugar do incendio é visible desde distintos puntos de Pontevedra e Ponte Caldelas. A partir das 20.30 horas da tarde, desde o centro da cidade foi especialmente visible unha nube de fume negro que daba conta da voracidade das lapas.
SOLICITADA a Situación 2 como medida preventiva nun incendio forestal activo no concello pontevedrés de Ponte Caldelas, parroquia de Xustáns, pola proximidade do lume ao núcleo da Canicouva, en Pontevedra. #IFXustánsPonteCaldelas
— incendios 085 (@incendios085) August 5, 2022