Decretado o nivel 2 de alerta por calor na provincia de Pontevedra ata o martes

Pontevedra
31 de xullo 2022

A fotógrafa Cristina Saiz recolleu durante a xornada deste domingo 31 de xullo escenas nas rúas e espazos públicos de Pontevedra con persoas tentando sufocar os 37 graos desta xornada que provocaron que se estableza o nivel 2 de alerta, por parte da Xunta, á espera de que o martes baixen as temperaturas

Xullo finaliza con temperaturas de 37 graos nas Rías Baixas
Xullo finaliza con temperaturas de 37 graos nas Rías Baixas / Cristina Saiz

"37 grados y un montón de huesos con algo de pellejo alrededor", así comezaba un dos temas máis exitosos de Radio Futura nos oitenta e así, con 37 graos nos termómetros, os ósos de moitos cidadáns arrastrábanse polo centro de Pontevedra na procura de sombra ou dunha terraza que servise de refuxio #ante as altas temperaturas que, durante este domingo, apertaban nas Rías Baixas.

A fotógrafa Cristina Saiz percorreu diferentes puntos da contorna urbana comprobando como o sol castigaba a persoas de todas as idades e tamén aos animais, que tentaban refrescarse nas fontes.

ALERTA NIVEL 2

Ante esta situación, a Xunta de Galicia decretou que toda a provincia de Pontevedra, durante dous días, ata o martes 2 de agosto, manteña un nivel 2 de alerta pola calor coa previsión de que o episodio remita na xornada dese martes.

Segundo Meteogalicia, a presenza continuada dunha masa de aire cálido sobre a Península, con orixe no norte do continente africano, unido ao bloqueo que exercen as altas presións estacionarias que se estenden dende os Azores ata o noroeste de Galicia, provocan un requecemento do aire. Unha situación que provoca temperaturas moi elevadas, especialmente na metade sur da comunidade. O martes comeza a debilitarse a barreira anticiclónica, por lo que non se descarta a progresiva entrada de aire algo máis húmido que favorecerá a formación de néboas no litoral de Pontevedra.

O nivel 2 é de alerta vermella e rexístrase cando o valor real do índice de sensación térmica para os tres días anteriores fose igual ou superior ao percentil 95 do índice de Missenard e maior de 24 e a temperatura mínima superior aos 20 ºC, dándose esas mesmas circunstancias para a predición dese día e os dous seguintes, segundo recolle a Xunta de Galicia a través do Servizo Galego de Saúde.

RECOMENDACIÓNS

Sanidade tamén traslada unha serie de consellos á poboación:

  • Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos.
  • Deberá evitarse inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.
  • Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.
  • No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.
  • No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.
  • Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a quince.