Un ano máis, o comercio local de Pontevedra poderá participar no concurso de escaparates de Nadal que organiza o departamento municipal de Promoción Económica, a través da plataforma PonteLovers, para ambientar os seus establecementos.
Haberá premios de 1.500, 1.000 e 500 euros para os tres primeiros clasificados e o sorteo de vales de 50 euros entre os cidadáns que elixan os seus favoritos votando nas redes sociais.
Con este certame, segundo a edil Yoya Blanco, "queremos animar á veciñanza e aos turistas a realizar as súas compras no comercio de proximidade e promover a creatividade dos comerciantes á hora de presentar os seus escaparates e produtos".
As bases do concurso establecen que poderán participar nel todos os establecementos minoristas comerciais e negocios con escaparates visibles desde a vía pública, sen limitación de número e sen distinción algunha por razón da súa actividade ou titular.
No caso de que un propietario desexe participar con máis dun establecemento, deberá presentar unha solicitude por cada un dos diferentes escaparates que opten aos premios.
O único requisito será desenvolver decorados coa temática do Nadal, con total liberdade en canto á súa interpretación, deseño, técnica e estilo.
Á hora de valoralos teranse en conta aspectos como a integración dos produtos á venda, a adaptación á temática do Nadal, a harmonía das gamas cromáticas, formas, texturas, o emprego prioritario de técnicas sostibles, materiais de refugallo ou elementos naturais, a interacción co público, a invisibilidade dos elementos auxiliares precisos para a súa construción e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final.
Os establecementos comerciais interesados en participar deberán presentar obrigatoriamente a solicitude por medios electrónicos antes das 15:00 horas do mércores 15 de decembro a través do correo electrónico [email protected].
Os participantes comprometeranse a manter os escaparates decorados e visibles ao público ata o 6 de xaneiro de 2022 e tamén a manter os establecementos iluminados e nas condicións que permitan que o xurado poida visualizar claramente os escaparates.
Haberá dúas categorías de premios: por unha banda, os outorgados por un xurado integrado por profesionais de recoñecido prestixio nas áreas do deseño, o marketing, a promoción comercial, o escaparatismo, a fotografía ou o deseño de interiores; e pola outra, os premios do público, concedidos mediante votación cidadá a través da plataforma Easypromos.
De entre todos os escaparates presentados, os membros do xurado realizarán unha selección de dez finalistas entre os días 16 e o 26 de decembro, da que se decidirán os tres escaparates premiados unha vez sumada a votación online. A cidadanía poderá efectuar as súas votacións sobre os dez finalistas entre os días 28 de decembro e 6 de xaneiro.