A investigación que se segue na Audiencia Nacional para aclarar o naufraxio do Villa de Pitanxo en Terranova o 15 de febreiro de 2022 continúa incorporando dilixencias un ano despois. As últimas foron tres declaracións realizadas a pasada semana de dous mariñeiros do buque portugués Novo Virgem da Barca e dun técnico en prevención de riscos laborais.
Fontes xudiciais confirmaron que o testemuño dos dous mariñeiros portugueses encallou na Audiencia Nacional, pois ambos realizaran unha declaración ante notario semanas atrás que logo non puideron soster ante o xuíz Ismael Moreno que instrúe a causa.
Este buque Novo Virgem da Barca participou hai un ano nas tarefas de rescate do Villa de Pitanxo en Terranova e logrou recuperar da auga un corpo. Ante notario, o capitán e un oficial do barco confirmaron que viran na auga corpos de mariñeiros que levaban traxes de supervivencia.
A existencia de traxes de supervivencia é crucial na investigación xudicial, na que están investigados actualmente a armadora, Pesqueiras Nores Marín, e o capitán do buque naufragado, Juan Padín, un dos tres sobreviventes.
Dos 24 tripulantes, apareceron 9 corpos e tres supevivientes e tan só o capitán e o seu sobriño, Eduardo Rial, tamén sobrevivente, levaban estes traxes. O terceiro náufrago rescatado vivo, Samuel Kwesi, vestía un pantalón vaqueiro e os outros cadáveres non levaban protección e faleceron por hipotermia.
A armadora e o patrón sosteñen que, cando o buque empezou a afundirse, deuse orde a toda a tripulación de vestir este material protector, pero Samuel Kwesi asegura que non houbo tal orde. E os mariñeiros do Playa de Menduíña Dos que participaron no rescate non viron a ningún mariñeiro máis con eles postos.
A declaración ante notario destes dous mariñeiros portugueses confirmaba a versión da armadora e do patrón. A súa versión chegou un ano despois do naufraxio, tras meses de silencio e, cando finalmente tiveron que ratificala, encallou. Ante o xuíz, non puideron confirmar que viran os traxes.
Fontes non oficiais consultadas por este xornal confirmaron que estes dous mariñeiros que a semana pasada declararon na Audiencia Nacional foron contratados por Pesqueiras Nores Marín para un dos seus barcos para a marea seguinte á súa declaración ante notario.
Ante a Audiencia Nacional tamén declarou un técnico en prevención de riscos laborais encargado nas inspeccións do Villa de Pitanxo. Un mariñeiro do Playa de Menduíña Dos que antes estivera enrolado no buque naufragado asegurou que alí non se realizaban simulacros de emerxencia e este técnico tiña a finalidade de contradicilo.
Con todo, na súa declaración ante o xuíz, sinalou que adoitaba realizarse só un simulacro ao ano, menos dos establecidos por lei.