Declaración de ruína, si; rehabilitación?... depende

Pontevedra
04 de febreiro 2016

Esta declaración de ruína obrigará aos donos do inmoble a garantir a súa seguridade "para que non haxa problemas cos edificios lindeiros", segundo explicou a edil do BNG, nin con calquera cidadán que pase polos seus arredores. Pero, en cambio, non implica a súa rehabilitación nin que o edificio recupere o seu estado orixinal a curto, medio ou longo prazo. Iso dependerá dos seus actuais propietarios, xa que o Concello "non ten a capacidade para obligarlles a facela"

Técnicos municipais, de Inxeñería forense e bombeiros inspeccionan o edificio da Ferrería
Técnicos municipais, de Inxeñería forense e bombeiros inspeccionan o edificio da Ferrería / PontevedraViva

O edificio entre A Ferrería e Michelena que quedou devastado polo lume será declarado como ruína. Así o confirmou a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, que avanzou que, de acordo coa Xunta de Galicia -a través da Dirección Xeral de Patrimonio- axilizaranse todos os trámites para aprobar este trámite.

Esta declaración de ruína obrigará aos donos do inmoble a garantir a súa seguridade "para que non haxa problemas cos edificios lindeiros", segundo explicou a edil do BNG, nin con calquera cidadán que pase polos seus arredores.

É dicir, os seus propietarios terán que realizar as tarefas necesarias para apontoar a estrutura do edificio para evitar que se esborralle e facer as reformas que se consideren oportunas para que non sexa un perigo para a seguridade de terceiros.

Se estes non asumen eses traballos, o Concello pode asumilos de oficio e, posteriormente, reclamar o custo aos seus propietarios, tal e como sucedeu recentemente co edificio que caeu na praza da Verdura.

Pero, en cambio, esta declaración non implica a súa rehabilitación nin que o edificio recupere o seu estado orixinal a curto, medio ou longo prazo. Iso dependerá dos seus actuais propietarios, xa que o Concello, segundo Carme da Silva, "non ten a capacidade para obligarlles a facela".

No caso de que decidan rehabilitalo, en todo caso, terán que respectar a estrutura orixinal da fachada que dá á praza da Ferrería, porque conta cunha protección patrimonial moi esixente. Así, por exemplo, habería que recuperar a estrutura interior de madeira ou a galería exterior que desapareceu por efectos do lume.

Todo este trámite está pendente de iniciarse, a expensas do informe dos Bombeiros e da Policía Científica sobre as causas e a orixe do incendio. Por agora, lembrou Carme da Silva, non existe ningún informe oficial a este respecto e entende que será "moi difícil" aclarar estas cuestións porque ao colapsar o inmoble é "complicado" determinalo a través das investigacións e peritaxes que se están realizando estes días.

Arquivado en