Ata as once da mañá tivemos que esperar para que un dos premios do sorteo de Nadal da Lotería Nacional caera preto de nós. Foi un dos cuartos premios, que foi para o número 42833.
O premio, que estivo moi repartido por toda España, trouxo sorte a tres localidades do ámbito de Pontevedra. Vendéronse décimos en Bueu, Meis e A Illa de Arousa.
Con especial emoción foi recibida a noticia en Bueu. No restaurante Casa Quintela, que este ano celebrou o seu primeiro centenario, tiveron a fortuna de expedir dúas destes décimos premiados. "Decatámonos polos medios, é unha alegría porque ademais este ano cumprimos 100 anos", dixo emocionada a propietaria.
Descoñecen neste emblemático restaurante da vila quen é os agraciados dos dous décimos do 42833 vendidos. "Empezamos a vender en xullo e por aquí pasa moita xente, puido tocarlle a alguén do pobo ou de fóra", explica a xerente, que lembra que desde o 2016, cando repartiron millóns tamén dun quinto premio a unha pena da localidade, a sorte fora esquiva con este restaurante que hai anos que funciona tamén como despacho de loterías.
A historia é parecida en Meis. A deusa fortuna quixo que outra tradicional casa de comidas, Casa Samuel, repartise tamén miles de euros entre os seus clientes. "Non é a primeira vez que repartimos premios, o ano pasado xa tocou un quinto. Estamos abertos desde 1946 e xa non recordo desde cando vendemos lotería", confesa con alegría a encargada dun local no que aínda non saben cantos son os décimos expedidos por máquina que resultaron premiados.
Ademais, tamén caeu en maior ou menor medida en Vigo, O Porriño, Tui e Gondomar, así como en Malpica, Santiago, A Coruña, Ferrol, Lourenzá, Lugo e Riós (Ourense).
Cada décimo premiado está agraciado con 20.000 euros.