Decepción na Plataforma Veciñal de Lourizán ante a inhibición da Comisión Europea á ampliación da depuradora

Pontevedra
07 de maio 2019

Segundo responderon nas instancias europeas o saneamento elexido pola Xunta é unha cuestión que incumbe ás autoridades española e entenden que a creación dun novo emisario submarino e a ampliación da EDAR de Praceres constitúen "a mellor alternativa técnica, económica, social e medioambiental"

Protesta da Plataforma Veciñal de Lourizán contra a proposta de instalar un novo emisario na ría
Protesta da Plataforma Veciñal de Lourizán contra a proposta de instalar un novo emisario na ría / Diego Torrado

A Plataforma Veciñal de Lourizán emitiu un comunicado lamentando as respostas da ComisióN Europea ás diferentes preguntas realizadas polos eurodeputados de En Marea, BNG e Cidadáns sobra a creación dun novo emisario submarino e a ampliación da estación depuradora (EDAR) de Praceres, na ría de Pontevedra.

Entenden que é decepcionante ao responder os integrantes da Comisión que son as autoridades españolas as competentes sobre o modelo de saneamento e consideran que as opcións que manexa a Xunta de Galicia conforman a mellor alternativa técnica, económica, social e medioambiental.

Desde a Plataforma Veciñal de Lourizán cualifican de "chamativas" estas respostas ao manifestar a nula diposición a cuestionar os postulados do goberno da Xunta. Consideran que unha importante suma de fondos europeos pagarían estas obras que proxectan para a ría. O colectivo amósase preocupado ao entender que para a Comisión, mentres non sexa ilegal o proxecto, "todo está ben".

A Unión Europea remite ao movemento veciñal contrario a esta obra a que acuda á vía xudicial. Para a Plataforma, a resposta da Comisión Europea pon de manifesto que a Xunta de Galicia minte, xa que o PP asegurou recentemente no Parlamento Galego que non existe un proxecto de ampliación da EDAR dos Praceres, mentres que desde a Unión Europea asegúrase que están informados desa iniciativa.