Decenas de persoas concéntranse contra a visita de Juan Carlos I: "O Borbón fugado non é benvido en Galicia"

Sanxenxo
21 de maio 2022

Convocada por Galiza Nova, a protesta contou coa presenza Montse Prado e Néstor Rego. Corearon consignas como "Galicia non ten rei" , "Rei Juan Carlos, grazas por roubarnos" ou "Juancar, ladrón, traballa de peón" e criticaron que o emérito "representa todos os valores que  rexeitamos, a corrupción institucionalizada na xefatura do Estado"

Concentración en Sanxenxo contra a presenza do rei emérito Juan Carlos I
Concentración en Sanxenxo contra a presenza do rei emérito Juan Carlos I / Cristina Saiz

A presenza do rei emérito en Sanxenxo deixou imaxes de apoio cidadán, pero tamén de rexeitamento cara á súa figura. Tras a aclamación deste venres no Club Náutico, este sábado chegou o repudio e decenas de persoas concentráronse a escasos 200 metros do porto deportivo contra a súa presenza na vila e a "corrupción institucionalizada" que supón a súa figura. 

Convocada por Galiza Nova, a protesta na praza de Portugal contou coa presenza da deputada do BNG no Parlamento de Galicia Montse Prado e o deputado da formación nacionalista no Congreso, Néstor Rego. 

Mentres os concentrados coreaban consignas como "Galiza non ten rei" , "Rei Juan Carlos, grazas por roubarnos" ou "Juancar, ladrón, traballa de peón", foron accedendo ao porto deportivo vehículos que, co seu claxon, déronlle o seu apoio. Algún tamén lles criticou. 

A concentración foi un acto simbólico co que Néstor Rego explica que buscaron "deixar claro que o Borbón fuxido non é benvido en Galicia" porque "representa todos os valores que rexeitamos, a corrupción institucionalizada na xefatura do Estado".

O rei é, en opinión de Rego, un dos elementos "máis antidemocrático do réxime do 78", unha xefatura do Estado que non é elixida pola cidadanía senón "hereditaria, vitalicia e designada por Franco" e, fronte á súa figura, reivindica o carácter republicano do BNG, e a súa aposta "a favor da democracia". Fronte á monarquía española "anacrónica e corrupta", reivindican unha república "galega, democrática e soberana".

Rego referiuse ás declaracións realizadas nos últimos días polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asegurando que o rei emérito poñía a Galicia no mapa e quixo responderlle que "Galicia está non mapa desde hai moitos séculos", desde que en 410 constituíuse o primeiro reino do territorio romano, e que, ademais, desde o BNG e todas as persoas concentradas este sábado "non queremos que estea no mapa da corrupción institucionalizada e nas mafias e tramas do tráfico de armas nos que parece que tamén está involucrado o Borbón fuxido e retornado".

Néstor Rego tamén lembrou que o BNG presentou diversas iniciativas no Congreso dos Deputados para pedir a comparecencia dos ministros de Presidencia, Félix Bolaños, e de Interior, Fernando Grande Marlaska, e poder saber "canto custa ao erario público a visita do Bribón, perdón, o Borbón" porque "estamos a pagar entre todos e non nos parece xusto nin razoable".

O deputado nacionalista tamén tamén quixo aclarar que o BNG non formou parte este venres da representación da corporación municipal de Sanxenxo que participou no recibimento ao rei emérito no Club Náutico. " Estivo toda a corporación municipal menos o BNG", asegurou.

Sen criticar directamente a presenza do resto de partidos, si reflexiona que "a cidadanía ten dereito a xulgar se é razoable que unha corporación reciba a quen representa a corrupción institucionalizada ou quen se fugou do Estado español para evitar a acción da xustiza".